Ourense Provincia

Construción de aseos públicos na área recreativa de Cachamuíña

O proxecto conta cun orzamento base de 172.054,71 euros e contempla un prazo estimado de execución de 8 meses desde o inicio das obras.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Construción de aseos públicos na área recreativa de Cachamuíña
Construción de aseos públicos na área recreativa de Cachamuíña | Deputacin de ourense

A Deputación de Ourense vén de sacar a licitación as obras para a construción de aseos públicos na área recreativa e deportiva de Cachamuíña, no concello do Pereiro de Aguiar, unha actuación destinada a mellorar os servizos nun dos espazos naturais máis frecuentados da contorna da cidade.

O proxecto conta cun orzamento base de execución de 172.054,71 euros e contempla un prazo estimado de execución de oito meses desde o inicio das obras. A intervención permitirá dotar este enclave dun equipamento esencial para garantir a comodidade das persoas usuarias, reforzando o uso público e sostible dunha zona que combina natureza, deporte e lecer e que rexistra unha elevada afluencia ao longo de todo o ano.

O proxecto inclúe a construción dun módulo de aseos completamente equipado, así como as instalacións necesarias para o seu funcionamento, entre elas sistemas de saneamento, fontanería e electricidade, cumprindo coa normativa vixente en materia de accesibilidade, seguridade e eficiencia.

Esta actuación forma parte da aposta da Deputación de Ourense por mellorar as infraestruturas públicas en espazos naturais de alta afluencia, contribuíndo a unha mellor experiencia para veciños, veciñas e visitantes, ao tempo que se promove un uso ordenado e respectuoso do medio. A licitación destas obras supón un novo paso para seguir consolidando a área de Cachamuíña como un referente de lecer ao aire libre na provincia de Ourense.

Construción de aseos públicos na área recreativa de Cachamuíña
Construción de aseos públicos na área recreativa de Cachamuíña | Deputacion de ourense

Máis de 560.000 euros investidos en Cachamuíña

A construción destes baños públicos enmárcase na investimento global da Deputación na zona de Cachamuíña, que supera os 560.000 euros.

A esta actuación súmanse outras intervencións xa executadas, como o parque infantil inclusivo, a nova pasarela peonil e o parque canino, recentemente inaugurado. Ademais, a área conta tamén con zonas de calistenia, o Parque da Igualdade e novos aparcadoiros, que permiten dar resposta á elevada demanda das persoas que se desprazan diariamente a este espazo recreativo e deportivo.

Con estas actuacións, a Deputación de Ourense continúa reforzando a área de Cachamuíña como un espazo moderno, accesible e adaptado ás necesidades da cidadanía, consolidando un dos principais pulmóns verdes e de lecer da contorna da cidade.