Deportes Ourense

O Consello Municipal destina 670.000 € a axudas a equipos para fomentar o deporte base

As subvencións daranlle apoio a 76 entidades que suman 9.232 licenzas, das que o 70% son menores de idade

Óscar Gómez

Ourense | 23.10.2020 08:20 (Publicado 23.10.2020 08:19)

Escuelas deportivas de Ourense
Escuelas deportivas de Ourense | la voz de galicia

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense dará apoio económico para fomentar o deporte de base na cidade a un total de 76 entidades deportivas de 28 disciplinas diferentes. O Consello Reitor aprobou por unanimidade na súa sesión desta mañá a resolución da convocatoria de subvencións para a temporada 2019/2020, dotada con 670.000 euros. As axudas daranlle apoio a uns clubs que suman 9.232 licenzas deportivas, das que o 70% son de nenos e mozos menores de idade.

As subvencións darán apoio a unha grande variedade de modalidades deportivas: aeromodelismo, balonmán, baloncesto, fútbol sala, fútbol, halterofilia, tenis de mesa, voleibol, ximnasia, hockei, tiro olímpico, salvamento, waterpolo, fútbol gaélico, montañismo, natación sincronizada, triatlon, kick boxing, taekwondo, volei praia, piragüismo, badminton, rubgi, xadrez, kung-fu, padel, loita, patinaxe, natación, tiro con arco e ciclismo.

O acordo é o resultado da liña 2 de subvencións convocada polo Consello Municipal de Deportes para actividades de clubs e entidades federadas realizadas na temporada 2019/2020, que ten como principal finalidade apoiar os gastos de funcionamento dos equipos. A resolución reparte unha partida de 670.000€ entre 76 entidades deportivas, tendo especial sensibilidade cos deportes minoritarios, de competición e de base.

O acordo incluíuse por urxencia na sesión do Consello Reitor desta mañá para acelerar ao máximo posible a xustificación e o pagamento das axudas por parte das entidades beneficiarias, que xa están inmersas na temporada 2020/21.

As bases que rexen o procedemento valoran todos os clubs do Concello que solicitan a axuda tendo en conta os seguintes aspectos:

  • Número de licenzas, en función do seu nivel competitivo. As licenzas pertencentes a entidades deportivas subvencionadas son 9.232 licenzas.

  • Número de licenzas deportivas de menores de 18 anos: 6.598 licenzas o que supón que o 71,4% do total.

  • Número de licenzas en categoría feminina: 3.102 respecto ás 2.707 da tempada pasada. Supoñen un 33,60% das licenzas subvencionadas. Esta porcentaxe está varios puntos porcentuais por da media de práctica deportiva federada a nivel nacional.

  • 28 disciplinas deportivas distintas son as que practican os nosos clubs.

  • A actividade dos clubs xera un total de 45 contratos laborais de adestradores

Procedemento. O procedemento que rexe esta concesión é a concorrencia competitiva, co que cada club segundo os datos obxectivos achegados, recibe unha puntuación. A suma de puntuacións totais obtidas por todos os clubs divídese entre a partida orzamentaria da que se obtén un prezo por punto que orixina os importes de cada unha das entidades.

A resolución desta convocatoria tivo especial dificultade, xa que os técnicos tiveron en conta a interrupción da actividade derivada do estado da alarma pola COVID-19. Deste xeito buscouse que a valoración, dentro do indicado nas bases, reducise os ingresos das entidades na menor contía posible, segundo o solicitado.

Baloncesto. Por outra banda, na sesión desta mañá aprobouse tamén a conta xustificativa da subvención nominativa concedida ao Club Ourense Baloncesto para a temporada 2019/2020, por importe de 150.000 euros.