O Consello Municipal de Deportes (CMD) licitará “a prezo de mercado” a explotación da cafetería municipal do Pavillón dos Remedios. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, sinala que “a actual explotación comercial produce un menoscabo económico para os intereses de Ourense que chega a ter tintes surrealistas”.
Así, o rexedor asegura que “o canon que a empresa de hostalaría paga pola explotación desta instalación municipal rolda o 200 €/mes, menos de 3.000 euros ao ano”. “Pero por se esta cantidade fose ridícula”, engade, “resulta que a empresa non ten contador propio de luz nin auga, de modo que o 100% dos gastos por luz, climatización e auga, corren por conta do Concello de Ourense”.
Pérez Jácome calcula que o canon anda polos -800 €/mes, “é dicir, canon negativo”. En comparación con outras concesións municipais, lembra que “é aínda peor que a cafetería do Xardín Xaponés, que durante 50 anos pagou 0,60 €/ano.”
O alcalde apunta co dedo “aos artistas" destas condicións económicas, “que non son outros que o bipartido PSOE-BNG que hai 10 anos concederon a explotación con esas condicións cando ambos os partidos rexían o Concello de Ourense”.
O actual grupo de goberno do está a ultimar o prego de condicións para licitar a explotación da concesión esta primavera, “un prego que conlevará a carga dos gastos de enerxía á empresa concesionaria, así como un alugueiro mensual a prezo de mercado pola súa afluencia -sempre segura- de clientes”, afirma o alcalde. “Ademais, a concesión será por 5 anos, e non por 10, como negociaron anteriores inquilinos políticos da Praza Maior”, conclúe.