Ourense Cidade

O Concello regalaralle un libro a cada menor de 18 anos da cidade

A medida pretende fomentar a lectura entre a mocidade e, ao mesmo tempo, apoiar un sector, o libreiro, afectado polo peche decretado polo estado de alarma

Óscar Gómez

Ourense |

Entrega de libros por parte do Concello | Concello de ourense

O Concello de Ourense recompensará a todos os nenos e mozos de ata 18 anos pola etapa de confinamento co regalo dun libro da súa elección en calquera das librerías da cidade. Ademais de fomentar a lectura entre a mocidade, o Concello quere axudar o comercio local e, neste caso, o sector libreiro, especialmente afectado polo peche decretado polo estado de alarma.

O libro, elixido á vontade até un importe de 20 euros, poderase recoller desde finais de xuño, cando remata o curso escolar, e durante todo o mes de xullo. O único requisito é ser ourensán, menor de 18 anos, e dar o nome na librería. Segundo as primeiras estimacións, fálase de máis de 10.000 libros para nenos e mozos da cidade de Ourense.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, manifestou a súa satisfacción por este acordo co sector libreiro, xa que reúne a política de fomento da lectura entre os máis novos co apoio sen burocracias a un dos sectores comerciais da cidade. O presidente da Asociación Provincial de Libreiros, José Manuel García, atopábase “encantado” pola súa banda: “Non necesitamos subvencións, necesitamos xente nas librerías”, afirmou logo da reunión mantida na Alcaldía, e á que tamén asistiron Pilar Rodríguez, tesoureira da Asociación de Libreiros, e Mario González, concelleiro de Cultura.