A Concellería de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense está levando a cabo unha programación de reforzo da sinalización viaria na cidade. Esta inclúe tanto a reposición daquela sinalización defectuosa como aquela que require dun reforzo para garantir unha maior seguridade viaria para as persoas usuarias das vías.
Coa colaboración da Policía Local, que informa das zonas e actuacións prioritarias, están a levarse a cabo distintas iniciativas como a que consistiu na sinalización de zonas de detención de vehículos de dúas rodas diante dos pasos de peóns regulados por semáforos. Con esta actuación, habilítase para este tipo de vehículos a zona máis próxima ao paso de peóns, de forma que se acade unha maior seguridade e fluidez do tráfico, dando resposta ao incremento significativo deste tipo de vehículos detectado na cidade, sobre todo por parte dos servizos de repartición.
Trátase, pois, dunha seguridade engadida para as persoas usuarias de motos, ciclomotores ou bicicletas, tendo en conta que o resto de vehículos (que non sexan de dúas rodas) deben respectar estas zonas de detención, buscando con esta prioridade unha maior harmonización e seguridade do tráfico.
As localizacións que se seleccionaron e nas que se procedeu a delimitar estas zonas nesta primeira fase, son vías de alta concentración de tráfico, como a Avenida da Habana, Xoán XXIII, Ervedelo, Pena Trevinca, Pardo de Cela e proximamente a Avenida de Santiago.