O xoves, 15 de xuño, comezará a montaxe das atraccións festivas, que se emprazarán na rúa Luis Trabazos e, no caso de que fose necesario, na praza Fernández Fulgosio.
A programación de actividades festivas comezarán o venres, 16, coa apertura das barracas ás 19.00 h, e a verbena a cargo do grupo Origen, ás 23.30, que actuará de maneira continuada até aproximadamente as 2.30 h. Será a primeira actuación na cidade de Ourense desta popular formación musical, unha das máis recoñecidas da verbena galega, formada polos ex cantantes da orquestra París de Noia Zeus RB e Santi Pulido, a cantante Rosa do Mar (ex Gran Parada), o cantante Jhony de León El Capo (ex Amazonas), e os músicos David Gonçalves, Rafael Angel Vargas Rondón, Juan Carlos Fernández e Ibrahim Rivero.
O sábado, 17, o público poderá desfrutar coas barracas festivas desde as 17.00 h. Pola noite, desde as 23.00 horas, será a Festa da Mocidade, a cargo da macrodiscoteca A Gramola até aproximadamente as 2.00 h. O domingo, 18, será a última xornada das festas, con atraccións de feira para todas as idades desde as 17 h.