Ourense Cidade

O Concello avanza na adxudicación da iluminación de Nadal

A contratación da iluminación de Nadal e as obras de acondicionamento e mellora da vía que comunica a estrada OU-506 e o cemiterio de Velle deron un paso adiante

Óscar Gómez

Ourense |

luces de navidad no concello de ourense | la voz de galicia

A contratación da iluminación de Nadal e as obras de acondicionamento e mellora da vía que comunica a estrada OU-506 e o cemiterio de Velle deron un paso adiante, coa xuntanza da mesa de contratación designada polo Concello para desenvolver ambas licitacións, na que participou o concelleiro Armando Ojea.

A mesa acordou, por unha banda, elevar á xunta de goberno local a proposta de adxudicar as obras de reparación da vía de acceso ao camposanto de Velle, por un importe de 49.618,47 euros, por ser a oferta económica máis vantaxosa para o Concello.

Tamén acordou elevar á xunta de goberno local a proposta de adxudicar o contrato do servizo de auditoría externa para controlador de primeiro nivel do proxecto de “Novas Oportunidades de Negocio para Pemes baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFE)”, aprobado no marco do programa de cooperación territorial europea INTERREG V-A España Portugal. A oferta que acadou a maior puntuación para este contrato ten un importe de 1.391,50€.

Na mesma sesión, a mesa de contratación deu conta do informe de avaliación das ofertas técnicas presentadas polas tres empresas que concorreron á contratación por procedemento aberto da iluminación de Nadal 2020/2021.

A mesa acordou aceptar o informe realizado polos técnicos municipais. De acordo co disposto no artigo 13 do prego de cláusulas administrativas, acorda excluír unha das tres empresas por non ter acadado a puntuación mínima esixida na parte técnica (xa que se esixían 30 puntos e acadou 15,34), e convoca unha nova xuntanza da mesa de contratación para abrir en acto público a oferta económica das dúas empresas que si superan os 30 puntos e polo tanto optan á licitación: Iluminaciones Ximénez SA e Blanche Iluminación España SA.

O contrato ten un orzamento de máis de 350.000 euros e inclúe a instalación, posta en funcionamento, o mantemento e a retirada da iluminación artística. O Concello de Ourense aposta este ano por reforzar a dotación económica para esta iluminación, duplicando o seu importe co obxectivo de embelecer a cidade durante as festas e chegar a máis rúas e barrios, cun maior número de elementos decorativos e unha mellor estética.