Economía

O comité de expertos económicos aposta por impulsar novas medidas

O Comité de Expertos Económicos de Galicia, aposta por impulsar novas medidas para facilitar o financiamento das empresas no actual contexto económico a causa do COVID-19

Óscar Gómez

Ourense | 14.05.2020 08:52

Reunión do comité de expertos da Xunta
Reunión do comité de expertos da Xunta | xunta de galicia

Segundo se avaliou no encontro, o papel da Administración debe ser especialmente activo para apoiar os procesos de adaptación dos actores económicos, promovendo instrumentos flexibles e que permitan captar fondos que lles aseguren capacidade suficiente para levalos a cabo. Tamén se fixo fincapé en que é estratéxico fortalecer o tamaño do tecido empresarial.

Entre outras propostas, apuntan á creación dun fondo galego de capital público e privado para investir en empresas afectadas polo COVID-19, a través de capital ou préstamos participativos; ou á ampliación da liña de avais do Estado canalizados polo Instituto de Crédito Oficial (ICO), habilitando un tramo específico destinado a operacións de reestruturación financeira.

Reunión do comité de expertos da Xunta
Reunión do comité de expertos da Xunta | xunta de galicia

Tamén propoñen os expertos a creación dunha nova liña de financiamento con garantía do ICO que posibilite un incremento do endebedamento neto das empresas, con garantía pública limitada. A posta en marcha dun mecanismo de co-investimento a escala autonómica que axude a completar as roldas de investimento no capital social das startups é outra das propostas que se analizaron esta tarde.

O Comité, do que forman parte expertos do ámbito académico, económico e empresarial de Galicia, así como os conselleiros de Facenda; Economía, Emprego e Industria; Medio Rural; e Mar; tamén recomenda á Xunta afondar en dúas vías complementarias: o financiamento multilateral apoiado no Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa (CEB) e o Banco Europeo de Investimentos (BEI), e a mobilización de recursos da política europea de cohesión, acelerando a execución do marco financeiro actual.