Ourense Cidade

O BNG proporá que a antiga biblioteca pública da rúa Concello se convirta en Casa da Cultura

Os nacionalistas pretenden dotar a Ourense dun novo espazo de referencia, onde as entidades culturais e a veciñanza no seu conxunto poidan desenvolver as súas actividades

Óscar Gómez

Ourense | 01.12.2020 08:19

O BNG proporá que a antiga biblioteca pública da rúa Concello se convirta en Casa da Cultura
O BNG proporá que a antiga biblioteca pública da rúa Concello se convirta en Casa da Cultura | onda cero

Ás portas da antiga biblioteca pública da rúa Concello, os concelleiros do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza, compareceron diante dos medios para dar conta da moción presentada, e que irá a debate, ao pleno do vindeiro venres.

O lugar escollido non é casual xa que a iniciativa o que pretende é precisamente que os espazos que ate hai pouco ocupaba a biblioteca e que actualmente se atopan baleiros debido ao traslado desta ao Complexo de San Francisco, manteña o espítico co que se construiu o edificio no seu día, que non era outro que converterse na Casa da Cultura de Ourense.

Así o expuxo a concelleira nacionalista, Rhut Reza, quen afirmou ademáis que "é sabido por todos, que a actividade cultural e creativa en Ourense tivo sempre un papel protagonista en múltiples disciplinas. Actividades levadas a cabo por grupos, colectivos e asociacións que por desgraza nos últimos tempos viron minguadas as súas capacidades por mor da xa anterior crise, pola falla de apoio institucional e pola non menor falla de espazos físicos nos que poder asentarse e desenvolver todas as súas actividades".

Reza incidiu en que "é necesario polo tanto, dotar a Ourense dunha infraestructura que permita ao tecido cultural da cidade traballar con comodidade e sobre todo con tranquilidade. Un espazo que non supoña un custe engadido as xa de por sí, minguadas capacidades económicas. Un lugar no que poidan traballar, compartir, crear e sobre todo no que as ourensás e os ourensáns vexan unha referencia se de cultura falamos.

Para os nacionalistas, "nestes tempos de crise e zozobra faise necesario recuperar ese espírito e ese xeito de xestionar. É preciso darlle ao sector cultural a importancia e trascendencia que ten na construcción e consolidación de sociedades modernas, cultas, concienciadas e comprometidas".

Ruth reza e Luis Seara
Ruth reza e Luis Seara | onda cero

Por todo iso, argumentou Rhut Reza, "entendemos que estamos diante dunha oportunidade única de recuperar o espírito co que se construiu o edificio da rúa Concello, aproveitar que actualmente boa parte das súas instalacións están sen ningún tipo de uso e transformalas nunha Casa da Cultura ao servizo do tecido cultural da cidade. Lugar no que se poidan establecer, no que poidan crear, interactuar, amosar as súas creacións e desenvolver as súas actividades. Dotar a Ourense dun novo lugar de referencia cultural".

Con todos estes argumentos enriba da mesa, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, solicitaralle ao pleno da corporación, instar ao goberno local a Iniciar os trámites pertinentes para obter a cesión por parte do Goberno do Estado de todos os espazos baleiros e en desuso da sede da antiga biblioteca pública da rúa Concello, para a súa adaptación e mellora, co fin de transformalos nunha Casa da Cultura ao servizo das entidades culturais e da veciñanza de Ourense