Cambio Climático

O BNG alerta do impacto do cambio climático na produción da castaña

María Albert afirma que a produción representa unha actividade fundamental na economía da montaña ourensá e a incidencia de fungos e contrastes de temperaturas deixaron importantes danos nos castiñeiros.

Óscar Gómez

Ourense | 22.11.2021 09:30

Castañas
Castañas | Agencias

A deputada do BNG, María Albert preguntou polas previsións do goberno ante a doenza que afecta aos castiñeiros na provincia de Ourense cuxa produción resulta fundamental na economía da montaña ourensá. Na súa intervención, sumou á incidencia de fungos os contrastes de temperatura con xeadas e frío e calor intenso polo que preguntou se a Xunta ten elaborado “algún estudo sobre o impacto do cambio climático na produción da castaña”.

Tras a intervención do director xeral de Planificación Forestal, que anunciou a elaboración de estudos sobre a afectación do fungo sobre as castañas e que a Xunta permanece a espera das conclusións para actuar, a nacionalista preguntou se dentro do Plan estratéxico de xestión conxunta de investimento no sector da castaña foi valorada a incidencia do cambio climático nestas plantacións porque as condicións climatolóxicas deste verán, explicou a deputada do BNG, “incidiron gravemente na produción”.

Por outra banda, María Albert tamén preguntou se as condicións climatolóxicas están sendo valoradas “a futuro” e que impacto terán sobre os castiñeiros e sotos ao que engadiu se existen previsións cara futuros investimentos no sector da castaña.

A deputada do BNG aludiu ao estudo realizados pola Xunta sobre o impacto dos fungos e que a vindeira semana faranse públicos. A este respecto, preguntou se están previstas medidas de prevención e tratamentos no momento de determinar cal é o fungo que afecta á produción.

Na súa intervención, a deputada recalcou que a doenza dos castiñeiros está a provocar grandes perdas en Viana do Bolo, A Gudiña, a Mezquita , Vilariño de Conso ou a comarca de Valdeorras e mesmo algunhas organizacións agrarias sitúan estas perdas no 70% a pesar de que a campaña parecía boa e de calidade e mesmo cumprindo o dito popular de que “a castaña quere arder en agosto e beber en setembro”, meses nos que as vagas de calor e as chuvias frecuentes permitían manter a esperanza. Pero as últimas semanas, explicou, tombaron por terra tódalas previsións e as castañas foron escasas e tamén se viu resentida a calidade do froito debido aos contrastes de temperaturas, “frío e calor intensos”, así como a incidencia de fungos como a antracnose.

A nacionalista insistiu na urxencia de valorar as “consecuencias do cambio climático” sobre a produción da castaña que este ano “caeron sen acabar de criar e non permitiron xuntar quilos”. De aí, reiterou, a urxencia de valorar esta problemática e buscar medidas urxentes.