Sanidade

A Área Sanitaria de Ourense renovará 6 equipos de TAC

Esta área sanitaria contará cun novo espazo do Servizo de Medicina Nuclear que incorporará un PET-TAC, evitando o desprazamento de centos de pacientes ourensáns a Vigo

Óscar Gómez

Ourense | 08.04.2022 08:03

A Área Sanitaria de Ourense renovará 6 equipos de TAC
A Área Sanitaria de Ourense renovará 6 equipos de TAC | onda cero

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou no Parlamento galego que a área sanitaria de Ourense actualizará a súa capacidade diagnóstica coa renovación dos seus 6 equipos de TAC: 3 no Servizo de Radioloxía e 1 no Servizo de Radioterapia do Hospital de Ourense, 1 no Hospital de Verín e 1 no Hospital de Valdeorras. Respecto do persoal, subliñou que “non se precisan máis prazas, senón a incorporación de profesionais as cinco prazas que están por cubrir debido á falta de dispoñibilidade de especialistas”.

Encarna Amigo sinalou que a atención oncolóxica de excelencia é unha das prioridades do Sergas na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, “exemplo perfecto dunha atención interdisciplinar onde profesionais de diferentes categorías e de distintas especialidades traballan conxuntamente para acadar os mellores resultados en supervivencia e calidade de vida”.

Investimento de 52 millóns de euros

Na súa intervención, manifestou que a renovación dos 6 equipos de TAC nesta área sanitaria enmárcanse “nun contexto de renovación integral das instalacións que se comezaron a acometer xa co inicio das obras do plan director, nas que se investirán 52 millóns de euros”.

Dentro destas actuacións de mellora, lembrou a recente licitación do novo espazo do Servizo de Medicina Nuclear, que abandonará a súa actual ubicación no edificio Nai para integrarse no novo Hospital de Ourense. Este servizo incorporará un PET-TAC, co que se evitará o desprazamento de centos de pacientes ourensáns a Vigo e completará a capacidade diagnóstica do Hospital e da área sanitaria.

Encarna Amigo recoñeceu que “existe un déficit de profesionais para cubrir as cinco prazas de radiólogo vacantes na Área Sanitaria de Ourense, unha situación que a Xunta traballa para corrixir no menor prazo de tempo posible e tamén para atender toda a actividade necesaria”.

“En ningún caso se desatende a actividade sanitaria, especialmente a ligada ao seguimento dos pacientes con cancro, que teñen sido sempre unha prioridade”, asegurou.