Alternativas culturais na rúa para todos os públicos
Este mércores arrinca, na terraza do Centro Comercial Ponte Vella de Ourense, o ciclo de concertos de jazz que ofrecerá o Alfonso Medela Trio dentro da programación do Verán Cultural da Concellería de Cultura.
Será o inicio de tres días consecutivos en que os ourensáns poderán gozar de alternativas culturais na rúa para todos os gustos.
Todas as actividades son gratuítas e dirixidas a todos os públicos. Recoméndase acudir con antelación e cumprir con todas as medidas hixiénico sanitarias e distancia social para o seu correcto desenvolvemento.
Mércores 15, 20:30 horas. Terraza do Centro Comercial Ponte Vella
Diara Tarín e Alfonso Medela Trío. Alfonso Medela é un recoñecido pianista e compositor do Carballiño. Profesor superior de Piano, é especialista en Jazz e Música Moderna, así como creador de máis dun cento de temas propios. Nestes concertos estará arroupado pola súa formación habitual e acompañado pola voz de Diana Tarín. Todos os públicos. Gratuíto.
Xoves 16 xullo, 20:30 horas. Terrazaza do Auditorio (rúa da Canle)
Sincronacidas. Oh! Olimpiadas. Unha fresca e divertida proposta na que dúas limpadoras ven como as súas rutinas son retransmitidas por televisión, coma se dunha competición olímpica se tratase. O cotián narrado como se fose un momento único para construír un mundo absurdo e disparatado.
Venres 17 xullo, 20:30 horas. Terrazaza do Auditorio (rúa da Canle)
Camerata Lírica. La Traviata. Concerto escenificado desta grande obra de principio a fin, na que non faltan as arias, os dúos e tercetos máis importantes. A obra de Verdi con libreto de F. M. Piave baseada na novela de Alejandro Dumas “A dama das camelias”.
Non se permitirá a entrada unha vez comezado o espectáculo.
Ademais, a cidadanía ten á súa disposición os diferentes espazos culturais do Concello de Ourense: Museo Municipal, Sala Valente, Claustro de San Francisco...
Museo Municipal de Ourense, rúa Lepanto
Os nosos fondos. A exposición contén importantes mestres da pintura e da escultura ourensá, caso de Prego de Oliver, Cándido Fernández Mazas, Luis Trabazo, Xaime Quessada, Antonio Quessada, Virxilio Fernández, Acisclo Manzano, Manolo Buciños, Xosé Cid, Vidal Souto, ou Alexandro, entre outros. Forman parte da colección de 1.306 obras de arte -pintura, escultura e debuxo- que se conservan e custodian no Museo Municipal.
Cromática, VI Bienal de Pintura Xove. Organizada pola Fundación Cum Laude, emprázase no segundo andar do espazo museístico.
Horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 e de 18:30 a 21:30 horas; os domingos, de 11:00 a 13.30 horas. Entrada: libre e gratuíta.
Sala Ángel Valente, rúa do Paseo, 20
Isidro Tascón. Réplica. Mesmos horarios que o Museo
Espazo Expositivo Arturo Baltar, praza de San Cosme e San Damián
Arturo Baltar. Belén de Ourense. Aberto de luns a venres de 11:00 a 14:00 h
Claustro de San Francisco
O claustro gótico, edificado na primeira metade do s. XIV, entre 1325 e 1350, é dun estilo gótico de forte tradición románica. Foi declarado Monumento Nacional en 1926. Pódese visitar en horario: de martes a sábado, de 11:30 a 13:30 horas e de 18:00 a 21:00 horas; os domingos, de 11:30 a 13:30 horas.