Concello de ourense

O alcalde arranca o compromiso de ABANCA de manter aberta a oficina do barrio da Carballeira

Gonzalo Jácome trasladoulle a Rubén Saavedra o acordo do pleno do Concello do venres, para que non se pechase

Óscar Gómez

Ourense | 10.05.2022 19:28

O alcalde arranca o compromiso de ABANCA de manter aberta a oficina do barrio da Carballeira
O alcalde arranca o compromiso de ABANCA de manter aberta a oficina do barrio da Carballeira | onda cero

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome reuniuse na Alcaldía co director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, ao que lle arrancou o compromiso da entidade bancaria de que non pechará a oficina da rúa de Marcelo Macías, que dá servizo ao barrio da Carballeira. O alcalde trasladoulle ao responsable de ABANCA o acordo do pleno do Concello de Ourense do pasado venres, día 6 de maio, no que todos os grupos políticos municipais aprobaron por unanimidade unha moción do BNG que demandaba que non se pechase esta oficina.

“Arrancouse o compromiso de que ABANCA de que a oficina de Marcelo Macías permaneza aberta”, explicaba ao remate da xuntanza o alcalde: “anunciárase que se ía pechar, levouse ao pleno unha moción na que todos os grupos manifestamos a vontade de que seguise aberta, e a realidade é que trala reunión mantida hoxe con Rubén Saavedra, podo dicir que esa oficina vai seguir aberta dando servizo a todo o barrio da Carballeira”, avanzou o rexedor.

Pérez Jácome valorou moi positivamente esta nova, na medida en que vai ser moi positiva para a veciñanza do barrio da Carballeira, que seguirá contando coa posibilidade de acceder aos servizos da entidade bancaria na súa contorna, e valorou o compromiso de ABANCA e o seu liderado en Ourense: “Cremos que é importante e que ademais se mantén o liderado e o compromiso de ABANCA coa cidade, non olvidemos que ten 16 oficinas operativas no noso municipio, o que supón case o 40% das oficinas da cidade. Entendemos que é importante, que é unha boa noticia e esperemos que as empresas non diminúan senón que aumenten na cidade de Ourense”, concluíu o rexedor municipal.