A Deputación de Ourense súmase a distintas iniciativas deportivas para conmemorar o Día da Muller. A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, participou hoxe, na sede do Club Rosalía, na presentación do primeiro partido benéfico de fútbol feminino que se disputará o vindeiro 8 de marzo, e que destinará o recadado para a asociación Pequenos Superheroes que este ano axudará a Rafa, un pequeno superheroe ourensán que sofre Miopatía Tubular, unha enfermidade rara da que se coñecen desde a asociación 12 casos en España.
O evento deportivo celebrarase, ás 10.00 horas, no campo de fútbol Miguel Ángel (pavillón dos Remedios) e as entradas están á venta nos grupos municipais da Deputación de Ourense e do Concello de Ourense, e na sede social E.F.F. Rosalía.
Mañá xoves, 27 de febreiro, no Salón de Plenos do Concello de Ourense, a deputada provincial participará tamén na presentación da Carreira do Día da Muller que se desenvolverá baixo o lema “Libre para correr”, unha iniciativa á que se suma a Deputación de Ourense.