Ourense Cidade

O BNG desenvolverá unha oposición “desde o rigor e a honestidade"

Seara mostra a súa preocupación pola distribución de áreas de goberno local e avanza que porá sobre a mesa cuestións clave como a intermodal, o PXOUM ou a concesión da recollida do lixo

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 24.06.2019 08:20 )

Ana Ponton en Ourense | onda cero

Santiago de Compostela, 21 de Xuño 2019.- A portavoz nacional, Ana Pontón, continuou en Ourense a ronda de encontros cos grupos municipais nos concellos das grandes urbes tras o 26M. A líder do Bloque considera a Feixóo “responsable directo” de poñer en risco o futuro da cidade das Burgas colocando na Alcaldía un rexedor que el mesmo cualificou de “letal”.

“Ourense impórtalle un pito e o único que busca e atornillar ao PP no poder”, denunciou Pontón, para que o comportamento do presidente da Xunta “delata o medo que ten porque sabe que se hoxe se celebrasen eleccións galegas perdería a maioría absoluta”, indicou, “por iso aplicou aquí a peor das políticas, a que non ten principios porque só busca o poder polo poder”.

Pontón salientou a ironía de que sexa un Feixóo que presume de estabilidade, “o mesmo que en Ourense acaba de crear un foco de inestabilidade”, porque é evidente que esta non vai vir “da man de quen tivo a cidade paralizada catro anos sumando agora a excentricidade dun alcalde que dará moitos momentos de gloria nos platós televisivos pero que de nada lle serve a Ourense”.

Por contra, o Bloque avanza que vai desenvolver unha oposición “desde o rigor, a honestidade e cóbado con cóbado coa veciñanza, porque queremos ser o seu altofalante no concello, unha oposición con propostas e alternativas a favor da cidade e fiscalizando o que non funcione”, indicou tras parabenizar ao portavoz municipal, Luís Seara, a concelleira Ruth Reza e a todo o BNG local polo traballo feito e polo resultado “que nos permitiu cumprir o obxectivo de volver ao concello”.

Porque ao Bloque si lle importa Ourense, recalcou Pontón, “queremos que sexa coñecida polo seu potencial termal, polo seu patrimonio, pola calidade dos seus produtos agrícolas polo bo facer da universidade, polo talento das e dos ourensáns, e non polas excentricidades de quen está na Alcaldía co apoio de Feixóo”.

A portavoz nacional tamén lamentou a “oportunidade perdida” para pasar a páxina do “baltarismo” e abrir unha nova etapa na Deputación, “libre de caciquismos e de prácticas clientelares”, para transformala no que deben ser estas institucións mentres existan: “un instrumento á favor dos concellos, desde o rigor e a igualdade”.

E nesa dirección traballará o BNG tamén na Deputación a través do deputado provincial, Bernardo Varela, cun primeiro obxectivo concreto que pasa por conseguir un plan único para a distribución de recursos entre os concellos da provincia.

Ana Ponton en Ourense | onda cero

Plan único na deputación de Ourense

“O PP defende un plan único nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, -as tres teñen este plan-, pero non o aplica na única na que gobernan porque o plan único significa reparto proporcional e con criterios obxectivos dos fondos para os concellos deixando atrás clientelismos e partidismos”, argumentou Pontón, quen lamentou que a provincia volverá ter unha deputación “encastelada, cun funcionamento clientelar e caciquil cando había a oportunidade de cambiala”.

Pola súa parte, o portavoz municipal, Luís Seara, aproveitou a comparecencia para replicarlle ao que volverá ser presidente da Deputación “que os votos ao BNG foron libres e sen ter que pagar favores nin prebendas”, ao tempo que demostrou a súa preocupación pola situación do concello tras a constitución do goberno local.

“Manifestamos o noso estupor polo feito de que sexa DO quen asuma a carteira de Cultura cando mostra un total desprezo pola nosa lingua, ou a carteira de persoal tras acusar a policía de mafia, e ponnos os pelos de punta que urbanismo sexa asumida polo PP”, indicou, tras indicar que o BNG ratifica a necesidade de que haxa unha segunda exposición pública do plan xeral.

Urxencias para o concello

Seara ironizou sobre a cualificación de “grandes proxectos” a organización do belén do Nadal e as escaleiras metálicas por parte do novo rexedor, cando o futuro da intermodal está no aire cun proxecto inapropiado, o futuro do PXOUM, as concesións administrativas en particular o rescate da recollida do lixo, a relación de postos de traballo, o modelo de xestión da praza de abastos da Ponte ou a comisión de investigación sobre o festival de cine, enumerou a modo de exemplo.

“Desde o BNG pensamos que estas son algunhas das grandes cuestións da cidade e imos esixir claridade na posición do novo goberno”, indicou Seara, quen volveu recalcar que desenvolverá desde o concello “unha oposición construtiva, seria e rigorosa pero contundente, e coa necesaria labor de fiscalización e control da acción do goberno”.

Entendemos que Ourense ten unha serie de “necesidades urxentes que hai que abordar, como a situación das rúas e das beirarrúas, dos parques e dos xardíns, solventar cuestións incomprensibles como que aínda hoxe existan parroquias no rural que non teñen concluído o servizo de saneamento, este tipo de cuestións hai que abordalos de inmediato”, concluíu.