Incendio Chabasqueira

Baltar garante o apoio da Deputación para recuperar as Termas da Chavasqueira

O presidente da Deputación de Ourense, quen visitou o complexo termal destruído a causa dun incendio, cualificou o suceso de “terrible noticia” e amosou “a total dispoñibilidade da Deputación para colaborar, co obxectivo de volver a pór en valor esta icona do termalismo ourensán”

Óscar Gómez

Ourense | 24.04.2019 12:29

Manuel Baltar e Jorge Pumar
Manuel Baltar e Jorge Pumar | Deputacion Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, garantiu hoxe o apoio da institución provincial “para que as termas da Chavasqueira volvan ser un emblema da capital termal de Galicia”. Baltar, quen visitou esta mañá xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o complexo termal que quedou destruído nesta pasada madrugada a causa dun incendio, cualificou o suceso de “terrible noticia” e amosou “a total dispoñibilidade da Deputación de Ourense para colaborar, co obxectivo de volver a pór en valor esta icona do termalismo ourensán”.

“Agora toca pensar en positivo, poñernos todos a traballar, e cooperar no ámbito loxístico, económico, e o que sexa necesario; poñer todos os esforzos para que volva reabrir co mesmo esplendor que tiña e que siga sendo un dos símbolos termais da cidade e da provincia de Ourense”, expresou Manuel Baltar, destacando que as administracións “temos a obriga de colaborar automaticamente cando acontecen sucesos como este, e a contundencia da resposta e do apoio da Deputación de Ourense existe desde o minuto un”.

O presidente provincial animou ao alcalde e ao grupo de goberno, ao concello e aos ourensáns “porque estamos no momento no que nace unha nova oportunidade para o noso termalismo, traballando desde xa a prol da recuperación desde emblemático espazo termal”.

O incendio que calcinou o complexo termal –no que non houbo que lamentar danos persoais- tivo lugar nas primeiras horas desta pasada madrugada por causas que a policía científica está a investigar, unha lapas que destruíron por completo a estrutura de

madeira da edificación. Durante varias horas efectivos de bombeiros traballaron no lugar do sinistro, que esta mañá permanecía acordoado e custodiado pola Policía Local por perigo de derrube da estrutura calcinada.