Ourense Cidade

O alcalde de Ourense reclama "igualdade de trato" respecto á Unidade de Hemodinámica

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, mantivo unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, co fin de abordar diversos temas relacionados con esta área na cidade de As Burgas

ondacero.es

Ourense | 07.02.2019 13:53

Reunión do Alcalde con Conselleiro de Sanidade
Reunión do Alcalde con Conselleiro de Sanidade | concello de ourense

Ambos dirixentes manteñen unha cooperación constante e axeitada ás necesidades actuais da sociedade ourensá no ámbito sanitario. De feito, o alcalde da cidade agradece ao titular de Sanidade "a súa aposta e esforzo constante en mellorar as infraestruturas e os servizos sanitarios en Ourense".

Deste xeito, o primeiro asunto que se abordou no encontro estivo referido á Unidade de Hemodinámica do Complexo Hospitalario. Neste senso, o rexedor ourensán reclamou ante o titular autonómico de Sanidade "igualdade de trato con outras cidades", lembrando que Lugo ten este servizo as 24 horas do día.

Na reunión tamén se abordou a próxima reforma e ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, cun investimento previsto de 64 millóns de euros que inclúen a reforma do actual Hospital Materno Infantil; un novo edificio de hospitalización e a construción dun bloque de comunicación entre os distintos servizos. De feito, os grandes retos deste importantísimo investimento son claros: integrar a hospitalización de adultos, pediátrica e xinecolóxica; modernizar o 100% de todas as áreas de hospitalización, centralizar as áreas diagnósticas e preparar a reforma das consultas e áreas docentes e administrativas. O alcalde, Jesús Vázquez Abad, ratificou que os prazos previstos se manteñen: os proxectos licitaranse no primeiro trimestre de 2019 para que as obras poidan comezar en 2020.

O terceiro tema tratado na reunión entre o alcalde de Ourense e o conselleiro de Sanidade estivo referido ao futuro Centro de Saúde do Vinteún. Jesús Vázquez Abad solicitoulle a Vázquez Almuíña, dado que se trata dun compromiso firme adoptado pola Xunta a petición do Goberno Municipal, "que analicen as fórmulas para a construción do Centro de Saúde do Vinteún no menor tempo posible, xa que estamos a falar dunha necesidade que preocupa a un barrio da cidade que leva demasiado tempo agardando por unha infraestrutura de calidade que lles dé o mellor servizo asistencial e sanitario".