Ourense Cidade

O alcalde escoita as reivindicacións dos hostaleiros

Gonzalo Pérez Jácome trasládalles que existe “toda a vontade” para axudar un dos sectores “máis afectados polo peche total"

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 22.04.2020 08:43 )

Perez Jacome alcalde de Ourense | La Región

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, trasladoulles aos representantes do sector hostaleiro da cidade o compromiso do goberno municipal cun sector que “é dos máis castigados polo coronavirus, xa que os seus ingresos pasaron de cen a cero e non saben cando poderán volver a recuperar a actividade e en que condicións”.

Fíxoo nunha reunión mantida no salón de plenos con Javier Outomuro, en representación da Unión de Hosteleros de Ourense (UHO), e con Miguel González, de Cociña Ourense.

Os representantes destes dous colectivos trasladáronlle ao alcalde unha serie de peticións, relacionadas co ámbito municipal, moitas das que estaban planificadas polo goberno ourensán, caso do calendario fiscal, o pago do IBI, o de ocupación da vía pública para a colocación de terrazas, así como ás relativas ao abastecemento de auga, rede de sumidoiros e verteduras de augas residuais.

Hosteleros de Ourense | La Sexta

Outra das cuestións que puxeron sobre a mesa os hostaleiros é a eliminación do canon de concesións administrativas na parte proporcional ao período de peche e axustes en fase de apertura. Igualmente, o “atraso” na aplicación da nova normativa de veladores que pretende presentar e aprobar o goberno.

O rexedor, pola súa banda, asegura que o horizonte das accións, que serán presentadas en breve, estaría no outono ou en Nadal. Porén, adiantou que entre elas estarán a posta en marcha dun 'marketplace' para axudar á venda en liña dos produtos de hostalaría, as axudas aos autónomos ou a redución de determinados impostos que afectan directamente ao gremio.