Pontevedra

Novas visitas guiadas ao Convento de Santa Clara no mes de xuño

O prazo de inscrición abrirá o 28 de maio a través da web do Museo de Pontevedra

Susana Pedreira

Pontevedra | 02.05.2024 14:02

Novas visitas guiadas ao Convento de Santa Clara no mes de xuño
Novas visitas guiadas ao Convento de Santa Clara no mes de xuño | Cedida por la Diputacion de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra abrirá en xuño as portas do recinto conventual de Santa Clara para unha nova ronda de visitas guiadas. Terán lugar o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas. O prazo de inscrición para solicitar praza para as visitas guiadas abrirá o 28 de maio e poderá realizarse a través da web do Museo de Pontevedra. As visitas guiadas, a cargo do persoal da área de Educación do Museo de Pontevedra, realizaranse en grupos de 20 persoas e terán unha duración dunha hora. O percorrido iniciarase na igrexa e, a continuación, visitaranse diversas estancias como o coro baixo, o coro alto e o claustro. Ademais, as visitas guiadas tamén permitirán coñecer a zona verde do convento, tanto a horta coma o bosque.

O convento de Santa Clara, a súa finca e o muro están catalogados como ben con protección para a conservación monumental. O xardín é o gran atractivo do patrimonio natural en Santa Clara, un espazo cunha extensión de preto de 12.000 metros cadrados no que crecen grande cantidade de árbores froiteiras. Ademais tamén conta cunha horta na que as monxas cultivaban e producían diferentes produtos, entre os que destacan as vides para a produción de viño.