O Concello e a Asociación Hostaleiros da Estrada están traballando xa en conxunto nunha nova edición das xornadas de degustación gastronómica “Santas Tapas”, unha iniciativa que se vén celebrando con gran aceptación entre o público, local e foráneo, dende hai xa 13 anos en diferentes locais do casco urbano estradense no marco da Semana Santa. O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, adiantou que unha das novidades desta convocatoria será a estrea do formato “combo”, unha aposta que a administración municipal respaldará economicamente en substitución da “Santa Tapa Xove” ideada o ano pasado.
Durán reuniuse esta semana con integrantes da asociación que representa aos hostaleiros do municipio para ir avanzando no deseño desta proposta, un encontro no que se acadaron xa varios acordos, como o comezo da propia campaña de promoción en redes sociais para xerar expectación entre o público deste esta fin de semana. Segundo indicou, a previsión é que este ano participen nas Santas Tapas un total de 21 establecementos, se ben esta cifra aínda pode variar.
Os locais serán distribuídos, previsiblemente, en catro rutas e servirán as súas suxestións culinarias entre a tarde do mércores 1 de abril e a do domingo 5. O prezo da tapa será o mesmo que o do ano pasado: 3 euros.
Se o ano pasado o Concello de A Estrada cubría parte importante da “Santa Tapa Xove”, abaratando o custe da consumición para os sectores máis novos, desta volta decidiuse cambiar este respaldo polo financiamento dunha parte dos “combos”. Cada un deles estará composto pola tapa de cada local e a consumición dun auga ou un curto de cervexa, cun prezo conxunto de 3,5 euros.
O Concello da Estrada realizará unha achega para un total de 3.500 combos, coa previsión de que estes se distribúan de xeito igualitario entre os locais participantes. Durán explicou que o cambio obedece a que, deste xeito, a contribución municipal chega ao conxunto da cidadanía.
Venda anticipada
Ademais, unha das particularidades deste formato é que se reserva á venda anticipada, buscando favorecer a participación nestas xornadas gastronómicas. As persoas que queiran acceder a esta combinación de tapa e bebida terán que adquirir previamente os tickets dos combos nos locais participantes. A idea é que estean dispoñibles entre o 13 e o 27 de marzo nos locais que ofrecerán as Santas Tapas.
Como o ano pasado, os hostaleiros participantes escollerán se nas súas propostas en pequeno formato se decantan pola cociña tradicional ou a de innovación.

