Xunta Galicia

A Xunta colabora coas cámaras de comercio na internacionalización das Pemes

Destaca o forte ascenso das exportacións de maquinaria, cementos e produtos minerais, ademais de sectores estratéxicos como o téxtil, a automoción ou o agroalimentario

ondacero.es

Madrid | 30.01.2019 13:23

Juan Cavides
Juan Cavides | Xunta Galicia

O director do Igape, Juan Cividanes, presentou hoxe, xunto con representantes das Cámaras de Comercio, os resultados das exportacións das empresas galegas, resaltando a boa marcha das mesmas en 2018, que a falta dos datos de decembro, vai camiño de converterse de novo nun ano de récord. De xaneiro a novembro, as vendas ao exterior galegas creceron un 7,2% con respecto ao mesmo período de 2017 e superaron os 21.300 millóns de euros.

Na rolda de prensa celebrada na sede da Cámara de Comercio de Santiago, Cividanes destacou que o crecemento duplica o incremento da media estatal, que é do 3,4%, e subliñou que Galicia ten un importante peso no conxunto do Estado, sumando un 8,1% do total das exportacións desde España. Ademais, o director do Igape salientou tamén que o superávit comercial acadou os 3.677 millóns de euros nestes once meses, situándonos como a terceira comunidade autónoma.

Sobre as vendas ao exterior por sectores, subliñou o incremento das exportacións de maquinaria, que medraron un 91,8% e cuxo valor total de vendas superou os 700 millóns de euros; e o dos cementos, no que a suba foi do 58,5% e o volume de vendas sobrepasou os 129 millóns de euros. Con respecto aos sectores produtivos que teñen máis peso na economía galega, o director do Igape resaltou o incremento das exportacións das empresas do téxtil, que medraron nun 1,1% e acadaron un valor de 6.095 millóns de euros; da automoción, que subiron un 10,3% e superaron os 4.943 millóns de euros; e das compañías agroalimentarias cun aumento do 2,2% e unhas vendas de 2.844 millóns de euros.

Cividanes resaltou tamén que de xaneiro a novembro do pasado ano o número de empresas galegas que exportaron acadou a cifra de 6.883, o que supón un incremento do 8,3% con respecto ao mesmo período de 2017. Ademais, salientou que o número de compañías galegas exportadoras regulares, é dicir, aquelas que venden produtos no exterior durante os últimos catro anos de forma consecutiva, foi de 2.488, un 3,7% máis ca no mesmo período do ano anterior.

En canto aos destinos, destacan os ascensos nas vendas a Bélxica, país no que que o volume de exportacións medrou un 37,6%; a Reino Unido, cun aumento do 16,1%; Polonia, do 15,9%; ou Portugal, do 15,1%. A continuación, destacan os incrementos de vendas aos Países Baixos, 13,1%; Italia, 12,9%; e Francia, 8,3%.

Foexga

O director do Igape salientou neste sentido que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de reforzar o seu apoio á consolidación das vendas galegas en todos os mercados, e especialmente nos emerxentes, como os dos países do Magreb, Israel, Colombia, Chile, Emiratos Árabes, a China e India, na nova convocatoria do Plan de fomento das exportacións galegas (Foexga), realizado en colaboración coas Cámaras de Comercio.

A última edición desta iniciativa, activada o pasado mes de decembro, achegará 3,6 millóns de euros para impulsar as exportacións de arredor de 600 pemes e autónomos galegos durante os anos 2019 e 2010. O incremento no orzamento con respecto á anterior edición acada os 2,2 millóns de euros e vai permitir duplicar o número de empresas beneficiarias, así como ampliar o calendario de actuacións en 10 meses.

A través do Foexga, as pemes e autónomos poderán acollerse neste ano e no que vén a unhas 230 accións de internacionalización, que inclúen misións comerciais directas e participación en feiras e en eventos en máis de 50 países de todo o mundo. Ademais, Cividanes lembrou os apoios á internacionalización que ofrecen ás pemes galegas mediante outras liñas de axudas, como o Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios. A través destes dous programas, a Xunta destinará 8 millóns de euros durante nos anos 2019 e 2020 a reforzar a presenza e a introdución das pemes galegas nos mercados exteriores, un 23% máis que no bienio anterior (2017-2018).