As “Tertulias Literarias” reunirán no Liceo a máis de 200 escolares da provincia
A actividade, que terá lugar do 19 ao 21 de febreiro, centrarase nesta edición na obra Mejor la ausencia, da autora Edurne Portela
A Deputación de Ourense e a Concellería de Educación do Concello de Ourense organizan unha nova edición da iniciativa cultural “Tertulias Literarias” que reunirá a 239 escolares procedentes de 12 centros educativos da provincia de Ourense en tres xornadas que se desenvolverán do 19 ao 21 de febreiro, no Liceo de Ourense, ás 16.30 horas. O libro escollido para esta edición é a novela Mejor la ausencia, da autora Edurne Portela, quen charlará co alumnado participante na actividade o día 21 de febreiro ás 18.00 horas, no Liceo.
A presentación desta actividade tivo lugar hoxe na sala de xuntas do Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense , Rosendo Fernández; a concelleira de Educación e Cultura de Ourense, Belén Iglesias; e os coordinadores da actividade, Sara Dacal e Aurelio Gómez Villar.
O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de desenvolver esta iniciativa porque “fomenta a lectura comprensiva e crítica, un dos obxectivos da Deputación de Ourense e do Concello de Ourense como organizadores da actividade”. Así mesmo, Rosendo Fernández explicou que estas tertulias literarias son actividades culturais e educativas “que se desenvolven en clubs, grupos de amigos e diferentes tipos de entidades, xerando estímulos para a lectura e a participación, porque tanto o procedemento como o contido introducen prácticas en valores, polo que a tertulia supón un instrumento magnífico para a educación en valores”.
Pola súa parte, Belén Iglesias explicou que un dos obxectivos da concellería de Educación é “traballar as técnicas instrumentais básicas: lectura, escritura e cálculo, e hoxe, con esta iniciativa, tócalle á lectura que dentro deste programa de “Tertulias literarias” trátase a lectura, pero tamén a compresión oral e escrita, a expresión oral e escrita e a atención, ademais de iniciar aos nenos na educación en valores ao traballar actitudes como aprender a escoitar, respectar a quenda a falar e a socialización”.
“Ourense é unha cidade cunha profunda e recoñecida tradición literaria que aposta por desenvolver proxectos que contribúan a que ese interese e paixón polas letras se
perpetúe nas vindeiras xeracións e iso é o que estamos a traballar agora con esta iniciativa”, salientou Jesús Vázquez, quen destacou “o singular atractivo” desta actividade que achega “o hábito da lectura á mocidade dos centros educativos e os convida activamente a participar nas obras, a ir máis aló da mera lectura, a compartir experiencias e reflexións, a dialogar, e co valor engadido de interactuar coas propias persoas que as escriben”.
En total participarán 239 alumnos de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato, acompañados por 26 docentes, procedentes dos 12 centros educativos participantes de Ourense, Maceda, Xinzo de Limia e Allariz, que son os seguintes: IES O Couto, IES Blanco Amor, IES Ferro Couselo, IES As Lagoas, IES Universidade Laboral, IES 12 de Outubro, IES Prieto Nespereira, CPI José García, IES San Mamede, IES Allariz, IES Lagoa de Antela, IES Cidade de Antioquía.
Así mesmo, os coordinadores da actividade adiantaron que no mes de abril desenvolverase novamente esta iniciativa cultural que se centrarán nesa ocasión na obra Deixe a súa mensaxe despois do sinal, da autora Arantza Portabales.
Este programa cultural é unha actividade consolidada proba deso –explicou o alcalde de Ourense- é que foi medrando ata chegar neste curso 2018/2019 a unha previsión de “425 alumnos participantes xunto a 43 docentes, entre os dous faladoiros de febreiro e abril, o que supón un incremento de máis do 50% no número de participantes en pouco máis de tres anos”. Neste mesmo sentido, a concelleira de Cultura e Educación dixo que esta actividade “medrou grazas á colaboración institucional da Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, porque agora tamén participan centros educativos de fóra da cidade”.