A Denominación de Orixe Ribeiro viviu a súa grande xornada anual coa entrega dos seus premios que tivo lugar no histórico Mosteiro de San Clodio, en Leiro, ante uns 250 convidados entre os que estaban profesionais do sector, distribuidores, xornalistas e autoridades.
O presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares, anunciou que o organismo contará por fin cunha nova sede, tras lograr un acordo coa Xunta.
“Unha vez recibido o plácet da Xunta de Galicia, nos vindeiros días asinaremos un novo acordo de cesión das instalacións para a nova sede por 35 anos. Unha vez asinado, un proxecto pagado integramente con fondos propios do Consello, dotaranos dun local á altura da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia”, apuntou Casares.
No seu discurso tamén tivo palabras para a reivindicación: “Neste contexto eu reivindico o papel do Consello Regulador como axente vertebrador e de cohesión do territorio. Xestionamos calidade, xestionamos promoción pero tamén xestionamos a vida das persoas porque xeramos oportunidades para o desenvolvemento dunha comarca esencialmente vitivinícola”.
O presidente do C.R.D.O. Ribeiro animou a todos os elos da cadea de valor do viño na comarca do Ribeiro a traballar xuntos para impulsar esta comarca vitivinícola. “Somos Miño, Arnoia, Avia; somos adegas, cooperativas, colleiteiros, viticultores. En resumo, somos bacelos da mesma cepa de treixadura e a nosa misión é colocala onde lle pertence por dereito; por historia e por caste”, destacou Juan Manuel Casares.
Un serán de premios
O evento serviu para desvelar os gañadores nas distintas categorías dos galardóns para viños, designados nunha cata cega por un panel de expertos.
Pazo do Mar Expresión 2018, de Pazo do Mar é o “Mellor viño branco de adega”, sendo os finalistas Pazo Tizón 2018 (Pazo Tizón); Alter 2018 (Priorato de Razamonde); Catro Parroquias 2018 (Loeda); Farnadas 2018 (Pazo de Vieite); e Antonio Montero Autor 2018 (Vinos Antonio Montero).
O galardón ao “Mellor viño branco de colleiteiro” recaeu en Finca Teira 2018, de Manuel Formigo de la Fuente, acompañado como finalistas por Libro 2018 (Antonio Cajide Gulín); Casal de Paula 2018 (Emilio Docampo Diéguez); Mal raio te parta 2018 (Javier Estévez Abeledo); Manuel Rojo 2018 (Adega Manuel Rojo); e Lagar do Merés 2018 (José Meréns Martínez).
O “Mellor viño tinto de adega” é Alberte 2018, de Bodegas Nairoa. Pola súa parte, Alter 2018 (Priorato de Razamonde); Viña do Campo Mencía 2018 (Docampo); Preto de Leive 2017 (Leive Ecoadega); Divino Rei 2018 (Castro Rei); e O Cotarelo 2018 (Benigno Ríos Mosquera) foron finalistas.
E, o “Mellor viño tinto de colleiteiro” é Mónica Albor Mencía 2018, de Mónica Albor López. Ademais, Elisa Collarte 2018 (Elisa Collarte Bernárdez); Verbas 1917 2017 (Eva Bermúdez Pulleiro); Viña Carpazal 2018 (José Antonio Rodríguez Fernández); Celme do Souto 2017 (Adegas Celme); e Manuel Rojo 2017 (Adega Manuel Rojo) tamén chegaron á cata final.
Durante a gala tamén se entregaron os galardóns honoríficos do Consello Regulador. O presidente de Paradores, Óscar López, agradeceu o “Premio de Honra”, recollido das mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O galardón quere agradecer a profesionalidade, calidade e máis o compromiso da empresa pública coa riqueza vitivinícola española e, en especial, cos viños do Ribeiro.
O “Premio á mellor tarefa de Comunicación” aos programas da Televisión de Galicia Labranza e O Agro salienta o esforzo do seu equipo e do conxunto da CRTVG por informares tanto as novidades como da situación global do mundo agro alimentario, nunha traxectoria que supera xa os 27 anos e os 1.500 programas.
Así, Juan Manuel Casares agradeceu á CRTVG o seu traballo na construción da identidade de Galicia.
“Síntome orgulloso do papel dun medio público na construción do país; síntome feliz polo seu labor diario na conservación do idioma; síntome agradecido por facerdes cada día unha Galicia máis de seu”, expuxo o presidente do C.R.D.O. Ribeiro.
Tamén tomou a palabra María Isabel Mijares, Premio “Muller e Viño” 2019 polo seu traballo senlleiro durante décadas en campos como a calidad, a xestión, a formación ou a difusión da viticultura.
Emilio Rojo Bangueses recolleu o “Vida entre Vides”. O Consello quere destacar a súa aposta polo carácter propio nos viños; as castes autóctonas; e o coñecemento profundo da riqueza e da pluralidade enolóxica coas que contan as terras do Ribeiro.
Na cerimonia tamén foron premiados tres establecementos. La Sucursal (Lugo) recibiu o galardón a “Mellor tenda especializada – viñoteca”; La Molinera (Lalín), o de “Mellor servizo de viño en restaurante”; e a Taberna A Curva (Portonovo) foi distinguida como “Mellor taberna – Bar de viños”
ABANCA colabora na organización dos Premios D.O. Ribeiro 2019.
Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Está conformada por 111 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.
A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.220 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.700 viticultores.
Produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX. A produción da colleita 2018 na Denominación de Orixe foi de 9 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é de viño branco e o 8% de viño tinto.