Cultura

A Xunta recuperará dous retablos no mosteiro de Xunquiera de Espadanedo

O Goberno galego licita esta intervención destinada a solucionar as deficiencias nas estruturas e soportes, nas policromías e nas bases pétreas dos retablos cunha achega de case 50.000€.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Xunta recuperará dous retablos no mosteiro de Xunquiera de Espadanedo
A Xunta recuperará dous retablos no mosteiro de Xunquiera de Espadanedo | Xunta de Galicia

Os retablos manieristas obxecto desta intervención, o da Transfiguración e o da Visitación, “presentan un mal estado de conservación que requiren da nosa atención para ser recuperados e postos en valor para a nosa veciñanza e para as xeracións futuras”, seguindo así puntualizou, “na nosa liña de compromiso co patrimonio galego, tamén co eclesiástico e, nomeadamente, co seu legado artístico”.

Deste xeito, fíxose fincapé nas deficiencias detectadas nos retablos na estrutura e madeira de soporte, con alteracións de relevancia que debilitan ás súas propiedades mecánicas. Neste senso, obsérvanse desaxustes estruturais, desprendementos, desensamblaxes, gretas e fendas, perdas de volumes e engadidos alleos, ademais da presenza activa de insectos xilófagos e patoloxías nas policromías, como son as faltas de adhesión e desprendementos de estratos, repintes, suciedade, oxidación do verniz e escurecemento xeral da superficie debido principalmente a fumes de combustión.

Por outra banda, segundo destacou Ángel Miramontes, tamén se prevé a intervención nas bases pétreas que serven de apoio aos retablos e soportan as frontes de altar co obxecto da súa estabilización, xa que amosan desaxustes na súa fábrica. En concreto, os labores descritos no marco deste proxecto están vencellados á limpeza superficial, á desinsectación curativo-preventiva, á fixación de estratos polícromos, e á revisión, reposición e reforzo de ancoraxes.

A isto engádese o tratamento de elementos metálicos, a actuación sobre a carpintería de reaxuste estrutural e a consolidación de soportes, así como o arranxo de gretas e fendas, a reintegración volumétrica e cromática, a recolocación dos frontais de altar, a limpeza de policromías e vernices oxidados e a eliminación de repintes. Os traballos complétanse coa aplicación de protección final e a limpeza e encintado das bases pétreas dos retablos.

Esta intervención súmase á levada a cabo para restaurar este ben e que incluíra a recuperación da policromía orixinal do coro do século XVI, cun investimento de máis de 210.000€, elevando a achega da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a este mosteiro ata máis de 300.000€.