Infraestructuras

A Xunta realiza obras de mellora na autoestrada OU-113

Os traballos inclúense nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento conxunto de 1,4 M€

Óscar Gómez

Ourense | 17.09.2021 09:50

A Xunta realiza obras de mellora na autoestrada OU-113
A Xunta realiza obras de mellora na autoestrada OU-113 | onda cero

A Xunta está a executar obras de mellora de seguridade viaria en varios puntos da estrada autonómica OU-113, no treito coincidente coa traza da Vía da Prata, ao seu paso polo concello de Laza coa fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou a semana pasada estas actuacións no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 16+230 e 16+780, que se corresponde co treito que vai de Feces de Abaixo a Laza por Verín.

A actuación nesta zona consiste na creación dunha cuneta transitable de 1, 5 metros de ancho. Para isto, acometerase a retirada de capa de terra vexetal, a escavación e o recheo ata alcanzar a cota para executar o firme de formigón da cuneta.

Ademais, a Xunta avanza nos traballos no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+650 e 30+720, na Alberguería, no que tamén se disporá unha cuneta transitable de 1, 5 metros de ancho. Tamén se acometen obras no tramo que vai do punto quilométrico 22+430 ao 22+580, na zona de Soutelo Verde, ou no treito comprendido entre os puntos 34+760 e 35+220, xa no concello de Sarreaus.

Nas vindeiras semanas continuarán estas tarefas noutros tramos desta estrada autonómica ao seu paso polo concello de Laza. Estes traballos están incluídos nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.