Castaña

A Xunta potencia a xestión activa de sector da castaña para reforzar este producto

A Mesa da Castaña, órgano colexiado de carácter consultivo e asesor, mantivo unha reunión na que se analizaron os estados de diferentes proxectos sobre o castiñeiro.

Óscar Gómez

Ourense | 25.10.2023 08:41

A Xunta potencia a xestión activa de sector da castaña para reforzar este producto
A Xunta potencia a xestión activa de sector da castaña para reforzar este producto | onda cero

A Mesa da Castaña, órgano colexiado de carácter consultivo e asesor no que está presente a Xunta, mantivo unha reunión presidida polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e á que tamén asistiu o director da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Entre os puntos incluídos na orde do día figuraban varios asuntos relacionados con traballos de investigación que se están a levar a cabo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Un dos proxectos que se abordaron na reunión foi o informe para a modificación dos clons híbridos de castiñeiro, que pasan dunha categoría cualificada a unha controlada.

Este material atópase dentro da silvicultura clonal polas súas boas características forestais, crecemento, forma de fuste e resistencia á tinta, polo que gran parte do material cualificado está sendo multiplicado e comercializado por viveiros produtores tras varias transferencias entre eles.

Por outra banda, tamén se abordaron os avances nos traballos de multiplicación in vitro do castiñeiro, na que se segue a investigar dende o centro de Lourizán. O proxecto mantense en fase de investigación e a medio prazo espérase facer unha transferencia a viveiros. Os centros dependentes da Axencia Galega de Calidade Alimentaria están a traballar para mellorar a rede colaborativa de viveiros, o que facilitará a transferencia dos castiñeiros clonados.

Outro dos temas tratados foi o plan piloto de Galicia sobre as agrupacións de xestión conxunta como ferramenta de recuperación de soutos, que se atopa realizando as primeiras actuacións coa definición das áreas prioritarias de traballo e xestionando os procesos administrativos precisos para a súa creación.

Por último, sinalouse a próxima convocatoria de axudas que estarán dispoñibles para o sector en materia de plantación e recuperación de soutos, fixando como prazo o 24 de novembro para que, sobre a base de convocatoria de 2023, se redacte unha nova convocatoria.

Esta reunión tamén serviu para compartir as primeiras impresión da colleita deste ano, da que se está a facer un estreito seguimento dende a Axencia Galega de Calidade Alimentaria. As consecuencias do cambio climático, que deixou altas temperaturas a principios deste mes de outubro, están a ter repercusións na actual colleita polo que o Goberno galego mantense atento a como se desenvolverá, sempre en constante contacto co sector.

O Psoe requiere axudas directas ao sector da castaña de Ourense
O Psoe requiere axudas directas ao sector da castaña de Ourense | onda cero

Castaña de Galicia

En Galicia hai preto de 50.000 hectáreas de castiñeiro e os soutos abarcan unha superficie de case 27.000 hectáreas. A súa presenza é maioritaria no interior e nas montañas de Ourense e Lugo, cunha produción duns 20 millóns de quilos. Estes produtos están amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, garantindo un selo de calidade.

Ademais, Galicia é a principal rexión en produción e exportación de castañas a nivel nacional. De feito, absorbe máis da metade da produción de castañas de España e unha porcentaxe similar das empresas comercializadoras e as industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal.

No que respecta á comercialización, a castaña galega e os seus produtos transformados destínanse maioritariamente aos mercados internacionais e están presentes en case 30 países de todo o mundo.