A Xunta porá en marcha este mes de maio a segunda edición do programa Autónomos Dixitais enfocado para que as persoas traballadoras autónomas melloren as súas competencias en comercio electrónico e saiban como aproveitar mellor as novas canles online de comunicación que existen para ofrecer aos seus clientes os seus produtos e servizos.
A iniciativa non só está dirixida aos autónomos dados de alta, senón tamén a aqueles que tiveron que pechar os seus negocios como consecuencia da pandemia co obxectivo de que teñan acceso a unha segunda oportunidade a través da dixitalización. A formación, ademais de gratuíta, é flexible e adaptable aos horarios de preferencia, impártese a través dunha aula dixital e conta con titorización persoal.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na Mesa do Emprego Autónomo de Galicia a iniciativa coa que se prevé formar a 1.200 traballadores por conta propia en e-commerce xa que, segundo explicou, o comercio electrónico adquiriu unha gran importancia ao longo da pandemia, nacendo novos hábitos na compra de produtos. De feito, expuxo que, de acordo co VII estudo sobre e-commerce en España, realizado polo por IAB -a maior asociación mundial de comunicación, publicidade e marketing dixital presente en 47 países- o comercio por Internet segue crecendo, e en España un 72% dos cibernautas de entre 16 a 70 anos utilizan a rede como canle de compra.
En palabras da conselleira, a Xunta ten que seguir apostando polo comercio tradicional, incentivando nas tendas as compras e axudando ao mantemento dos seus postos de traballo e, ao mesmo tempo, debe seguir impulsando a formación en dixitalización para apoiar aos autónomos ante os novos retos.
Neste contexto, naceu o programa Autónomos Dixitais que este ano diríxese a catro perfís: a mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e maiores de 45 anos. Para cada un deses catro perfís impartiranse dous cursos en formato dixital e gratuítos: un básico sobre fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico; e un avanzado, de especialista en e-commerce. Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.
O primeiro dos cursos, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico, centrarase en coñecer os conceptos básicos e aspectos xurídicos do e-commerce, adquirir nocións básicas sobre márketing dixital, promoción e ferramentas 2.0 en Internet e identificar canles de comercialización e distribución.
Na acción formativa avanzada, de Especialista en e-commerce, dirixida a persoas con experiencia profesional na materia ou formación previa, coñeceranse as opcións de financiamento de proxectos de comercio electrónico, como elaborar un plan de márketing online, afondarase en aspectos como a protección de datos, seguridade ou medios de pagamento dispoñibles, crearse e xestionarase unha tenda online con Prestashop e darase formación en xestión de datos, provedores e loxística de envío.
Os interesados en participar nos cursos, que se comezarán a impartir a partir do próximo 20 de maio, poden solicitar desde mañá a súa praza a través da páxina web www.autonomosdixitais.com ou do mail info@autonomosdixitais.com.
Os obxectivos principais do programa, en palabras da conselleira, son mellorar o grao de dixitalización das persoas traballadoras autónomas de Galicia e brindarlles a oportunidade de reposicionar o seu negocio “reemprendelo e/ou emprendelo”. Do que se trata é de reforzar o tecido empresarial galego e, por iso, esta iniciativa enmárcase nas medidas específicas que está a adoptar a Xunta para facer fronte á covid-19.