O alumnado de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia poderán participar na terceira edición do concurso artístico #EuSonPilabot, enmarcado na campaña de sensibilización ambiental coa que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda busca fomentar desde o ano 2018 a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas no eido escolar.
Poderá presentarse ao certame calquera tipo de obra en formato imaxe—fotos, mosaicos, debuxos, etc.— que teña como temática principal o reciclado de pilas, enfocado aos Obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) marcados pola ONU para o ano 2030.
O prazo de inscrición xa está aberto para o alumnado dos 150 colexios adheridos este ano á campaña Pilabot —ao redor de 36.000 rapaces— polo que todos aqueles que estean interesados, poderán anotarse e enviar as súas creacións ata o vindeiro 31 de marzo.
Este ano poderase competir en cinco categorías, correspondentes a cada un dos ciclos das etapas educativas de primaria e secundaria, e fixaranse cinco premios para distinguir á mellor obra en cada unha delas.
Para participar, os rapaces interesados teñen que cumprimentar un formulario específico dentro da web de Pilabot, aceptar as bases do concurso e axuntar a imaxe coa que queren inscribirse, no formato e peso indicados. A obra acompañarase dun título e dun breve texto explicativo que xustifique o seu significado ou a mensaxe que se quere transmitir.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, do 1 ao 22 de abril, o xurado fará unha preselección das obras finalistas, elaborando unha listaxe coas tres mellores de cada categoría en función da súa orixinalidade, execución e profundidade ao redor da temática central do concurso.
As creacións gañadoras daranse a coñecer do 23 de abril ao 31 de maio e os seus autores recibirán unha tableta como premio.
Este concurso artístico enmárcase nas actividades programadas no marco da campaña Pilabot, que este curso celebra a súa terceira edición e acaba de chegar ao seu ecuador, xa que a recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas nos 150 centros participantes prolongarase ata finais de marzo.
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec) que naceu co fin de promover e fomentar entre os máis cativos a recollida selectiva deste tipo de residuos, tendo en conta que son un dos máis contaminantes que se xeran nos fogares e que, no caso de non xestionarse correctamente, poden resultar moi perigosos.
Concurso de pilas e talleres educativos
Un ano máis, a actividade central de Pilabot volve ser o concurso escolar de reciclaxe, de forma que todos os centros participantes compiten entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de Galicia. A tal fin, cada colexio contará con seis semanas lectivas para recompilar todas as pilas, acumuladores e baterías usadas que o alumnado achegue desde os seus fogares.
A recollida prolongarase ata o 31 de marzo e tanto os alumnos como os centros que consigan recuperar a maior cantidade de residuos proclamaranse como gañadores desta terceira edición. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.
Paralelamente, tamén se están a celebrar talleres educativos en medio cento dos colexios participantes, para poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa na campaña Pilabot. Ata o momento xa se impartiron 25 dos talleres programados.