Cooperación

A Xunta inviste máis de 128.000 euros en distintas actuacións no CEIP de Oímbra

As obras consistiron na instalación dun depósito de gasóleo, unha cociña industrial e o seu respectivo equipamento, a colocación dun novo pavimento de parqué e a reparación parcial do peche perimetral do recinto.

Óscar Gómez

Ourense | 15.11.2023 08:07

A Xunta inviste máis de 128.000 euros en distintas actuacións no CEIP de Oímbra
A Xunta inviste máis de 128.000 euros en distintas actuacións no CEIP de Oímbra | onda cero

O delegado territorial salientou que todas estas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

O obxectivo, como afirmou Gabriel Alén, “é manter o nivel do noso ensino”, un “modelo de éxito” grazas ao que hoxe “acadamos os mellores resultados académicos da nosa historia, cunha redución do abandono escolar de case 18 puntos, ata mínimos históricos, ou o liderado en estudos de prestixio a nivel internacional como o informe PISA”.

Arquitectura ao servizo dos proxectos educativos

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.

No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.

A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.

As obras na cociña, aseos e vestiarios

As distintas actuacións que levaron a cabo consistiron en obras de albanelaría e pintura interiores para novos aseos e vestiarios; reformas no almacén, cociña e zona auxiliar. Tamén se levou a cabo a instalación de equipamentos para uso da cociña industrial e renováronse as instalacións de gas, fontanería e electricidade para dotar de subministro aos equipamentos existentes.

En canto á cociña, reparáronse elementos que estaban deteriorados e executouse a montaxe de novos equipos, mesas e unha nova refrixerada e conxelador.