Marta Novoa expúxolle á conselleira o seu interese en desenvolver actuacións que permitan atenuar os efectos ‘illas de calor’ na zona do Piñeiral, así como no parque infantil desa contorna. Tamén presentou a iniciativa para identificar e adaptar a área dos Pinos como refuxio climático.
Nese senso, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, lembroulle á alcaldesa que a Consellería convoca cada ano axudas dirixidas a apoiar os concellos na posta en marcha en espazos urbanos e periurbanos de intervencións baseadas na natureza e no aproveitamento dos seus recursos para prever e adaptarse ao cambio climático.
Deste xeito, a conselleira animou á rexedora a solicitar estes apoios que están destinados a colaborar cos concellos nas accións para localizar e habilitar refuxios climáticos, que son aqueles espazos con condicións ambientais favorables e cunha relativa estabilidade que os fan idóneos para combater as altas temperaturas.
En concreto, esta axuda cubre o 80% dos custos dos proxectos presentados de forma individual por calquera concello cun límite de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por cada entidade local. Polo tanto, segundo indicou Ángeles Vázquez, o Concello de san Cibrao das Viñas podería obter ata 180.000 euros de financiamento en caso de presentar os tres proxectos que ten previstos e obter a máxima contía subvencionable.

