Atletismo

A Selección Galega de Trail Running madura en Navarra

Baixo un clima máis propio do verán que destas datas, a carreira daba comezo 9:30 horas sobre un trazado duro e esixente de 27 km. que contou cun desnivel de 1.400 m. e que deixaba ao longo da carreira, múltiples abandonos.

Óscar Gómez

Ourense | 08.05.2023 08:05

A Selección Galega de Trail Running madura en Navarra
A Selección Galega de Trail Running madura en Navarra | onda cero

Na categoría feminina as nosas representantes chegaban por seleccións na novena posición cunha Inés Ramos como a mellor das galegas ocupando o posto 38º cun tempo de 3h.20:50. Beatriz Ramos con feridas nun pé ocupaba a posición 39º seguida polo bronce autonómico Carla Trillo no 47º. Patricia Varela no posto 48º da xeral e a subcampioa galega Verónica Calvo no posto 49º completaban as posicións do combinado autonómico. Con esta clasificación a selección galega feminina mellora o décimo posto colleitado o ano pasado en Catalunya.

Pola súa contra, mala sorte para o combinado masculino xa que o campión galego absoluto, Pablo Camascasse, que marchaba nos postos top10 da cabeza da carreira, resultaba descualificado xunto a boa parte do equipo de Euskadi, polo desvío orixinado polas indicacións dun dos voluntarios da carreira quen confundíndose de trazado, enviaba a varios atletas por fora do circuito. Deste modo o mellor dos galegos foi Rubén Insúa que entraba no posto 37º cun rexistro de 2h.37:27. Xunto ao medallista de bronce no pasado campionato de Galicia, cruzaban a línea de meta Manuel Piñeiro no 43º e Roberto Tuñas no 49ª efectuando unha carreira na que irían de menos a máis. Mala sorte tamén para o subcampión galego Amador Pena ao correr boa parte da proba lesioado, e onde lonxe de abandoar, optaba por rematar e completar este campionato.

Excelentes sensacións de presente e futuro

Para o responsable do sector da FGA Iván Sangiao, as valoracións son enormemente positivas tanto polo compromiso, como pola capacidade competitiva e a actitude amosada pola selección galega.¨Voltamos tremendamente satisfeitos e satisfeitas malia que ca agridoce sensación de saber que a inxusta descualificación privounos de estar entre os dez primeiros da carreira masculina¨ Con todo elo, o responsable do sector xa pensa nos seguintes proxectos e retos dunha modalidade moi nova no noso atletismo (a última en chegar) que conta cun enorme potencial e que ¨dará moito que falar nos seguintes anos¨