O Concello de Ourense desminte que a Asociación de Veciños de Ponte Canedo fose desmantelada. A asociación, que dispón dun local nese concello cedido polo concello, estaba ocupando ademais sen autorización un espazo de acceso público con mesas, cadeiras e outros utensilios, causando molestia e pondo en risco a seguridade do resto de usuarios do edificio, no cal tamén hai unha biblioteca pública e outros servizos municipais, co cal persoal do concello procedeu a súa retirada, gardándoos nun almacén do mesmo edificio. Estes aveños [enseres] están a disposición da asociación de veciños.
A asociación estaba facendo un uso ilexítimo deste espazo, ocupándoo como se fose un almacén, mesmo con elementos ancorados ao chán, como un biombo. O Concello solicitoulles aos responsables da asociación, de forma reiterada, a retirada destes aveños do lugar, para dar cumprimento ás normas de accesibilidade e seguridade, ao cal “a presidenta desta asociación fixo caso omiso a estas instrucións, ignorando os informes de riscos laborais, de bombeiros, de policía así como numerosas queixas de usuarios da biblioteca municipal e funcionarios do Concello que traballan nestas instalacións”, explica o alcalde en funcións, Armando Ojea.
Ao Concello “non lle quedou máis remedio que, tendo en conta todos eses informes, retirar ese material e levado a dependencias municipais (do mesmo edificio), onde está a disposición da asociación para que o vaian buscar e o leven a un sitio que sexa conveniente”, engadiu Armando Ojea. O Concello resérvase incluso a posibilidade de establecer algún tipo de sanción pola ocupación dun espazo público, segundo establecen as normas municipais, malia as advertencias previas.
O espazo que estaba ocupando a asociación é un espazo de acceso público, un espazo común a tódolos usuarios do edificio, que, nestes momentos estaba causando graves problemas aos numerosos usuarios que usan a biblioteca, persoas que o usan para estudar, para preparar exames finais, oposicións, traballos, etc. “causando unhas molestias que estaban chegando xa a un grado superlativo, que non podíamos seguir tolerando”, polo tanto, conclúe Armando Ojea, “non se desmantelou, en absoluto, o local da asociación de veciños, que segue tendo o seu local, o seu espazo, e sería desexable que utilizase ese espazo que lle cede o Concello sen causar molestias ao resto dos servizos municipais que comparten o edificio”.