Cultura

A romaría Raigame volve a situar a Vilanova dos Infantes como o centro etnográfico de Galicia

Antonio Puga explicou os vencellos históricos entre os canteiros e Celanova e destacou a calidade dunha romaría que contará con 107 postos e unhas corenta actividades.

Óscar Gómez

Ourense | 11.05.2023 08:04

A romaría Raigame volve a situar a Vilanova dos Infantes como o centro etnográfico de Galicia
A romaría Raigame volve a situar a Vilanova dos Infantes como o centro etnográfico de Galicia | onda cero

A romaría etnográfica Raigame volve, un ano máis, a Vilanova dos Infantes o 17 de maio, Día das Letras Galegas, con todas as súas habituais actividades lúdicas e culturais, dedicando a súa XX edición á figura dos oficios dos canteiros -cando se cumpren 100 anos da declaración de monumento nacional da Capela de San Miguel- e coa entrega do premio "Adolfo Enríquez" ao escultor Xosé Cid.

Pablo Pérez definiu a Raigame como “a romaría etnográfica máis importante de Galicia e un piar fundamental da celebración das Letras Galegas; unha reivindicación cultural que é central na acción de goberno da Deputación de Ourense”. O deputado tamén destacou a colaboración institucional entre o Concello de Celanova e a Deputación -“que fai realidade unha festa máxica, cunha excepcional cifra de visitantes e unha altísima calidade”-, ademais de agradecer a labor dos traballadores da administración local e provincial. Unhas verbas ás que se sumou o rexedor celanovés, que situou a cooperación como “mostra de unión e fortaleza, chave para que Raigame prospere ano a ano”.

Antonio Puga tamén explicou os vencellos históricos entre os canteiros -protagonistas desta edición de Raigame- con Celanova, antes de destacar a calidade dunha romaría que contará con 107 postos e unhas corenta actividades. Dende a organización, Xavier Álvarez explicou os detalles do “amplo programa vencellado co mundo do ‘arghina’ (canteiro na súa fala) consistente en exposicións, demostracións, obradoiros e proxeccións que nos permitirán saber máis sobre este oficio tan noso e que tanto recoñecemento e prestixio ten alén das nosas fronteiras”.

Sobre o premio a Xosé Cid, a organización explica que “nos seus inicios comezou como canteiro e que foi evolucionando até sen converter nun dos artistas máis recoñecidos da nosa provincia”.

Unha viaxe a comezos do século XX

Dende as 11,00 ata as 19,00 horas, Vilanova acollerá, ademais dos tradicionais postos artesanais, actividades de gastronomía, música, baile e teatro de rúa que permitirán viaxar a comezos do século XX, mostrando ademais os oficios da época e mesmo recreando a sociedade do momento a través da vestimenta.

Oficios como teares, fotógrafos, xoieiros, vidreiros, talleres de música tradicional, carpinteiros e zapateiros entre moitos outros, ambientarán as rúas da vila na que se darán tamén cita grupos de música, baile e teatro, ademais de celebrar concurso de fotografías, micro videos e, como novidade este ano, un certame de decoración das vivendas de Vilanova dos Infantes.

A organización sinala que as actividades previstas, con demostracións de artesáns, gastronomía, contacontos, monicreques, os danzantes da Virxe do Cristal, a Banda de música de Vilanova e moitas outras iniciativas farán, unha vez máis, que a “Romaría Etnográfica Raigame se converta nunha festa da cultura tradicional galega”.

Novo número da revista “Raigame”

Na rolda de prensa de hoxe tamén se presentou o número 49 da revista “Raigame”, adicado a Elixio Rivas, medalla de ouro da provincia de Ourense e falecido en 2022. “Un legado inmenso, con medio centenar de libros e numerosas colaboracións”, resaltou Xulio Fernández, que repasou os fitos do traballo de Rivas, como o Museo dos Devanceiros ou a posta en valor da Vía da Plata.

Toda a información sobre Raigame na súa web: http://www.raigame.gal