O Concello de Ourense iniciará o luns 31, de xaneiro, as obras do proxecto de rehabilitación do firme nas rúas Xoán XXIII, Concello, Parque San Lázaro e Curros Enríquez. A actuación contempla a rehabilitación do firme destas rúas, así como dos entroncamentos coas rúas Mestre Vide e Celso Emilio Ferreiro. Tamén se ampliará un tramo da beirarrúa de Mestre Vide, adaptaranse os pavimentos das paradas de autobús á normativa de accesibilidade e repararanse os pavimentos de baldosa destas rúas.
O orzamento de licitación da obra é de 358.985,11 € e o prazo de execución é de 3 meses. Os traballos comezarán polas actuacións de reparación de pavimentos nas beirarrúas e finalizarán coas de reposición do firme existente.
Inicio das obras na rúa Ribeira de Canedo
Tamén comezarán as obras de renovación da rúa Ribeira de Canedo, no barrio da Ponte. Aínda que o inicio estaba previsto para esta semana, os traballos non se puideron iniciar por causas alleas á vontade do Concello.
O proxecto ten un orzamento de licitación de 268.450,12 euros, un prazo de 4 meses e prevé a renovación da rede de saneamento e a substitución do firme da calzada. A execución das obras requirirá pechar a rúa ao tráfico, de forma que só se lles permitirá o acceso a residentes e vehículos que presten servizos públicos e de emerxencias. O tráfico da rúa será de dobre sentido de circulación, para o que será necesario anular as prazas de estacionamento e cambiar o emprazamento dos colectores de lixo. Os itinerarios alternativos serán polas rúas Mercado e Vicente Risco.