Ourense Cidade

O PP reclama un posicionamento expreso de Gonzalo Caballero

O secretario autonómico do PSdeG, Gonzalo Caballero, debe pronunciarse respecto a se asume un goberno de coalición PSOE-PP, para iniciar as reunións de traballo para conformar un goberno estable

Óscar Gómez

Ourense | 29.10.2020 11:14

Gonzalo Caballero visitando Ourense
Gonzalo Caballero visitando Ourense | Onda Cero

O presidente local do PP na cidade, Jesús Vázquez Abad, vén de lle remitir unha misiva ao voceiro do PSOE no Concello para deixar patente a vontade do PP da cidade de Ourense por solucionar a situación de gobernabilidade no Concello, onde é necesario conformar unha maioría sólida que dea estabilidade municipal para reconducir a situación política municipal.

Lembra Jesús Vázquez que hai xa 16 días que che transmitín, nunha reunión celebrada no Liceo de Ourense, e coa presenza doutros portavoces, a proposta que defendemos e seguimos defendendo desde o PP: Un goberno de coalición. Unha solución extraordinaria para unha situación excepcional que estamos a vivir na terceira cidade de Galicia.

Hai 16 días, o voceiro socialista dixo entender perfectamente a proposta, do mesmo xeito que a entenderon todas as persoas coñecedoras da mesma, e argumentou que debía consultala cos órganos executivos do seu partido, o PSOE. “Consideramos que máis de dúas semanas de consulta foi tempo máis que dabondo para as bases e os órganos local, provincial, rexional e federal pronunciáronse sobre a vontade do PSOE á hora de comezar negociacións co PP da cidade de Ourense”, sinala Jesús Vázquez.

“A nivel orgánico, o PP da cidade de Ourense ten plena liberdade para acertar nas súas decisións, tal e como aseverou en sede parlamentaria o noso presidente rexional, Alberto Núñez Feijóo. Entendemos que o secretario autonómico do PSdeG, Gonzalo Caballero, debe pronunciarse respecto a se asume un goberno de coalición PSOE-PP, para iniciar as reunións de traballo para conformar un goberno estable cun programa ambicioso para a nosa cidade de cara aos dous anos e medio que quedan de mandato municipal”, advirte o responsable local dos populares.

Unha vez se produza unha declaración expresa de Gonzalo Caballero en favor deste punto de partida, o PP da cidade de Ourense que se poderán iniciar as reunións de traballo tendentes a sentar as bases dun futuro goberno de coalición desde a lealdade á cidade de Ourense.