Crisis Coronavirus

O Psoe urxe información a Xunta polos focos da Covid na provincia de Ourense

Tamén esixirán coñecer os criterios para a realización de PCR na área de Ourense, logo de que os traballadores da residencia Os Gozos denunciasen “atrasos de ata cinco días” para coñecer os resultados

Óscar Gómez

Ourense |

Personal sanitario realizan pruebas PCR | Efe

O PSdeG-PSOE urxe información “polo miúdo” á Xunta de Galicia, ante os focos que están a provocar contaxios “masivos” e “abruptos” na provincia de Ourense. Os socialistas denuncian que o goberno galego do PP carece dun “plan de acción claro e con parámetros obxectivos” para as residencias de maiores, que permita o “inmediato illamento dos positivos” co fin de controlar a pandemia “coa maior eficacia e seguridade posible”. Desde o PSdeG tamén cuestionan a “incomparecencia” de Alberto Núñez Feijóo durante a segunda ola “cando o presidente galego ten agora a responsabilidade última das medidas de prevención e contención”.

“Estase a expoñer á poboación da provincia de Ourense a un risco innecesario” resaltan as deputadas e o deputado no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, Juan Carlos Francisco e Carmen Rodríguez Dacosta. “É incomprensible que estea a pasar o mesmo que en marzo, abril e maio, xa que durante o verán tiveron tempo dabondo para reforzar medios materiais, humanos e protocolos”, denuncian antes de preguntar“onde investiu o goberno galego o diñeiro transferido polo Goberno central?”. Non houbo “nin anticipación durante o verán nin hai eficacia agora”, advirten.

Os parlamentarios socialistas instan ao goberno galego a “deixar de xogar ao escapismo” para “aclarar cales son os protocolos e os medios” que están seguindo nestes centros “onde reside un dos sectores de poboación de maior risco” e a “asumir as súas responsabilidades” para “actuar con anticipación na protección da saúde dos e das ourensáns”. Tamén resaltan a necesidade de detallar os datos desglosados por residencias e dunha “maior transparencia” por parte dunha Xunta que “se negou a investigar o sucedido nas residencias a través dunha comision específica” que o PSdeG reclamou no Parlamento.

Os deputados e deputadas tamén esixirán á Xunta coñecer os criterios implementados na realización de probas PCR na área sanitaria de Ourense, logo de que os traballadores da residencia Os Gozos denunciasen “atrasos de ata cinco días” para coñecer os resultados, o que provocou que persoas asintomáticas portadoras do virus continuasen acudindo aos seus postos de traballo sen saber que eran positivos, segundo revelou eldiario.es. “Esta falta de eficiencia na realización das PCR impide dar unha resposta contundente e, sobre todo, eficiente na loita contra a pandemia”, advirten sinalando a “incapacidade” da Consellería de Política Social de facer fronte as súas responsabilidades nestes centros.

Así mesmo critican os “fallos que se están a producir no sistema de rastrexo” da Xunta ao detectar que “moitos ourensáns non reciben a chamada dos rastrexadores a pesar de ser contactos de positivos, polo que deben ser eles mesmos ou mesmas quen teñen que avisar aos seus contactos e ao médico”. “O presidente da Xunta anunciou que Galicia contaba con máis de 6.000 rastrexadores que ninguén viu”, denuncian antes de recordar que seu propio conselleiro de Sanidade puxo en evidencia esta cifra.

Antes estes feitos tamén reclamarán “explicacións inmediatas e detalladas” sobre as persoas encargadas de rastrexar os contaxios na provincia. “Esta falta de seguimento está a estender a pandemia e a afondar a crise económica durante a segunda ola”, resaltan as deputadas e deputado.

Ante este “difícil escenario” e cun “preocupante carrusel de rebrotes cun gran número de contaxiados espallándose por moitas comarcas da provincia”, Ortega, Francisco e Rodríguez Dacosta esixen “mais transparencia posto que a Xunta segue a ocultar os datos detallados da situación epidemiolóxica dos 92 municipios da provincia”, como si fan outras comunidades autónomas. A esta situación súmase a queixa sistemática dos profesionais sanitarios sobre a non cobertura de baixas e vacacións, a inexistencia de reforzos de persoal en plena pandemia, os contratos troceados por horas ou a ausencia de materiais axeitados nos servizos, conclúen.