O Psoe impulsará a creación dunha tarxeta moza
Villarino dixo que “esta provincia nunca lle prestou axuda á mocidade e hoxe temos a oportunidade de facelo”
O PSdeG-PSOE impulsará a creación dunha tarxeta moza e dun Consello da Xuventude na Deputación de Ourense, tras décadas negras de abandono da mocidade por parte do PP”. A través dunha iniciativa conxunta coas Xuventudes Socialistas reclamarán crear esta ‘tarxeta moza’, para que as persoas de 14 a 26 anos residentes na provincia (estudantes de fóra residentes en Ourense incluídos), poidan desfrutar de vantaxes no comercio local, cultura, ocio, espazos deportivos, servizos prestados polas entidades locais, taxas e impostos ou transporte público.
Igualmente instarán á Deputación Provincial á constitución dun ‘Consello Provincial de Xuventude’, que colabore no desenvolvemento de políticas de mocidade, onde se teñan en conta as súas preferencias e que garanta a continuidade das actividades propias para este colectivo, xa que na actualidade non hai ningún órgano mozo, nin oficial nin extraoficial, de participación.
O secretario das Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, destacou que “podemos ser pioneiros cunha política moza nova, adecuada ao século XXI para unha provincia que leva 30 anos afastada de nós”, xa que se trata dun proxecto “que non ten ideoloxía porque o único pensamento é a mocidade”, polo que piden “apoio” e “aportacións” a todos os partidos da corporación provincial. Esta proposta, dixo, “permitirá á xuventude ter unha garantía para poder participar, por exemplo, en descontos no comercio local, no deporte, na cultura ou na propia mobilidade coa colaboración dos taxistas, naqueles puntos onde o transporte público non pode chegar”.
“É unha moción na que levamos traballando moito tempo” especialmente “co sector do taxi xa desde antes da pandemia”, destacou antes de sinalar a “boa resposta” da sociedade, posto que é unha iniciativa “non só para a xuventude, senón que tamén é beneficiosa para autónomos”, posto que permitiría incentivar compras no comercio local nun sector da poboación “cada día máis absorbido polas compras en Internet e nos grandes oligopolios”.
Doval tamén sinalou a creación dun Consello Provincial da Xuventude e aposta pola implantación dun “plan mozo” na Deputación que “axude á creación de emprego xuvenil e que se preocupe polas nosas necesidades”, nunha provincia “cunha carencia moi importante” neste ámbito, xa que en pouco máis dunha década “35.000 mozos e mozas marcharon da provincia”.
O secretario provincial e voceiro, Rafa Villarino, resaltou que as Xuventudes Socialistas “están traendo o pulo da xente nova a este edificio [Pazo Provincial] onde a xuventude está totalmente esquecida”. “Nunca formou parte da Deputación polo que é momento de que faga”, proclamou a través desta proposta “pioneira” diante dun goberno provincial conservador “que non ten plans para a mocidade e que parece que só se adica a bloquear iniciativas como esta”, xa que o PP xa votou na súa contra nas comisións informativas. “Aínda están a tempo de reconsiderar a súa posición e de facer algo positivo pola xente moza”, recalcou.
“Nós estamos totalmente dacordo coa iniciativa porque é unha proposta de xente moza beneficiando ao comercio, facendo que o transporte teña sentido, ou innovando ao implicar ao sector do taxi nas súas necesidades”, salientou Villarino antes de preguntarse “por que non se pode facer unha iniciativa tan positiva cando hai fondos dabondo”. “Esta provincia nunca lle prestou axuda á xente moza e hoxe que temos a oportunidade de facelo, esperamos que as demais forzas políticas se sumen”, concluíu antes de pedir “un soplo de aire mozo” a esta “institución vetusta”.
Para posta en marcha desta tarxeta piden a elaboración e aprobación dun ‘programa provincial de xuventude’, ao que se poidan adherir os municipios de Ourense, que permita dotar de fondos aos convenios e subvencións necesarias.
Desde o PSdeG-PSOE defenden esta iniciativa pioneira en Galicia que “cun custe reducido, pode ser un gran aliciente para os mozos e mozas e que, co apoio do goberno provincial, poderá axudar transversalmente a moitos sectores do noso tecido económico e social”. “Queremos unha mellora da calidade de vida da poboación moza de Ourense, fomentando a súa participación activa en todos os espazos da vida cultural, social, política e económica, recoñecendo así mesmo o relevante papel que teñen para o noso progreso, xa que a súa participación no desenvolvemento da provincia e unha responsabilidade compartida”, insisten.