Ourense Cidade

O Psoe eclama a construción dun parque infantil de tráfico para os conductores do futuro

O PSdeG lamenta que se pecharan as instalacións que había en Expourense e non se ofrecese unha alternativa similar ata o de agora.

Óscar Gómez

Ourense | 09.01.2024 11:50

O Psoe eclama a construción dun parque infantil de tráfico para os conductores do futuro
O Psoe eclama a construción dun parque infantil de tráfico para os conductores do futuro | onda cero

Logo de coñecerse os tráxicos datos de vítimas mortais en accidentes de tráfico nas estradas ourensás (case 700 persoas perderon a vida nas vías da provincia dende o ano 2000) o grupo municipal socialista considera imprescindible e urxente que se retome a actividade de concienciación que se levaba a cabo no parque infantil de tráfico. Por este motivo, presentará unha moción no vindeiro pleno ordinario de xaneiro para que o Concello se poña as pilas na materia.

“A través da educación asimílanse, apréndense e se xeran coñecementos, normas de conduta, modos de ser e formas de ver o mundo. O alumnado vai sendo quen de adquirir un pensamento crítico. Este proceso, ademais, contribúe a crear unha serie de habilidades, actitudes e valores dando forma á personalidade de cada suxeito”, sinala o texto que defenderán dende o PSdeG.

Os datos son estremecedores, pois tal e como se publicaba nos medios de comunicación recentemente, Ourense rexistrou o pasado ano o maior número de falecidos en sinistros dende o 2011: 24 persoas morreron nas carreteiras. E coas cifras na man, faise imprescindible a prevención e a formación dos condutores, condutoras e peóns do futuro. Por iso, entre os puntos de acordo a aprobar polo pleno atópase o de instar ao goberno local á construción dunha instalación destinada a se converter nun Parque Infantil de Tráfico ou á recuperación do espazo do que se dispuña nas instalacións de Expourense.

A intención da iniciativa é que o parque sirva para o alumnado de toda a provincia. E neste senso, os e as socialistas reclaman a colaboración institucional –con aportación de medios económicos, materiais, humanos…– aos organismos públicos con competencias directas ou indirectas en seguridade vial, especialmente á DGT e á Deputación de Ourense.

“A educación vial é parte da educación integral das persoas, sendo esta unha base eficaz de actuación cidadá, dirixida ao desenvolvemento de hábitos e actitudes que permiten á mesma dar unha resposta segura nas distintas situacións de tráfico nas que se poden ver inmersos. E se pode asegurar tamén que mellora a responsabilidade á hora de actuar como peóns, pasaxeiros e pasaxeiras ou condutores e condutoras co fin de reducir os accidentes”, lembra a edil Cristina Cruz.

Así mesmo, entre os puntos para os que o grupo socialista espera acadar o apoio da oposición se atopa tamén a necesidade da creación dunha Escola de Educación Vial municipal para promover a mobilidade sostible. “Para elo resulta preciso contar co compromiso do corpo da Policía Local, dos seus axentes e, especialmente, cos profesionais da ensinanza”, advírtese na iniciativa.

O mencionado recinto situado en Expourense encaixaba á perfección nas necesidades para levar a cabo as actividades formativas, mais deixou de funcionar no curso 2017/2018 sen volver a retomarse a actividade até o día de hoxe e sen ofrecer unha alternativa similar para o alumnado.