Pleno Diputación

“Ourense Futuro” recollerá iniciativas sociais para impulsar á provincia na era “poscovid"

O pleno -que comezou cun minuto de silencio a petición do presidente Baltar polas vítimas do COVID-19- tamén aprobou o outorgamento da medalla de ouro da provincia ao escultor Acisclo Manzano

Óscar Gómez

Ourense |

O pleno da Deputación de Ourense gardou hoxe un minuto de silencio polas vítimas do COVID19 | Deputacion de ourense

O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, na sesión ordinaria correspondente ao mes de maio, a creación da comisión “Ourense Futuro”, un foro que recollerá iniciativas sociais e económicas para impulsar á provincia na era “ poscovid”. Esta acción, promovida polo presidente Manuel Baltar, ten como obxectivo crear un foro no que terán cabida axentes económicos, sociais e grupos políticos que analizarán propostas e demandas de todos os colectivos sociais da provincia para reactivar a competitividade local e provincial. Preténdese con elo contribuír a reformular os obxectivos de xestión das administracións, logo da crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus COVID-19.

A proposta responde á necesidade de que a institución provincial “lidere unha estratexia de participación, analizando a realidade desde múltiples ópticas e escoitando ás organizacións máis representativas da provincia nos sectores económicos, sociais e culturais”. Segundo sinala o acordo a Deputación de Ourense debe recoller as lexítimas aspiracións dos ourensáns e promover un foro no que depositen as súas demandas, facendo desta institución a “administración-esponxa” que sempre defendemos.

A comisión “Ourense Futuro” estará composta por un representante de cada grupo político provincial (designado nun prazo de cinco días desde a aprobación plenaria, un titular e un suplente), adoptando as súas decisións mediante o sistema de voto ponderado. A comisión elaborará un calendario de comparecencias para coñecer de viva voz as formulacións dos convocados ás sesións correspondentes, e establecerá as canles de comunicación para que poidan achegarse por escrito as contribucións dos colectivos. O seu traballo desenvolverase ao longo deste ano 2020 e todas as comparecencias e documentos de traballo serán públicos. Os representantes dos grupos políticos actuarán como relatores na redacción dun documento final que recollerá o sentir dos comparecentes, documento que será presentado para a súa aprobación en pleno e que servirá de folla de roteiro para a acción política na provincia, sendo ademais enviado aos titulares dos poderes executivo e lexislativo a nivel autonómico e estatal. E o documento aprobado, froito dos traballos da comisión, remitiranse aos titulares dos poderes Executivo e Lexislativo de ámbito autonómico e estatal.

O pleno -que comezou cun minuto de silencio solicitado polo presidente Baltar polas vítimas do COVID-19- tamén aprobou hoxe o outorgamento da medalla de ouro da provincia de Ourense ao escultor Acisclo Manzano como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a toda unha intensa e frutífera traxectoria artística, que contou permanentemente co unánime recoñecemento, tanto da critica como da sociedade en xeral, e que confirma que estamos ante un ourensán que co seu concepto innovador e vangardista contribuíu a situar a obra artística galega nun lugar destacado do panorama nacional e tamén internacional.

A totalidade dos acordos plenarios de hoxe son os seguintes:

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DOS PROCEDEMENTOS DE SELECCIÓN DE PERSOAL FUNCIONARIO INTERINO E LABORAL TEMPORAL AO SERVIZO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente a modificación da Ordenanza reguladora dos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal ao servizo da Deputación Provincial de Ourense.

EXPEDIENTE NÚMERO 4/2020 DE MODIFICACIÓN DO OBXECTO DA SUBVENCIÓN NOMINATIVA APROBADA NO PLENO DO 29 DE SETEMBRO DE 2019 E PUBLICADA DEFINITIVAMENTE NO BOP NÚMERO 251 DE 31 DE OUTUBRO DE 2019

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación do obxecto da subvención nominativa de carácter puramente cualitativo, e que non supón incremento do gasto xa previsto no orzamento orixinal de 2020. Esta variación non cuantitativa afecta ao capítulo VII de gastos. Con cargo á aplicación orzamentaria 450.12/762.01 “Cooperación provincial. A Concellos subvencións” da modificación orzamentaria 4/2019 dos orzamentos do 2019, prevíase unha subvención ao Concello de Esgos para a execución da obra “pavimentación Lobaces-Quintas” por importe de 40.000 euros. Baseándose na solicitude presentada polo Concello de Esgos de data 18 de febreiro de 2020 e entrada no rexistro electrónico da Deputación o mesmo día procede modificar a finalidade da subvención, que pasa a ser a “Construción dun muro e humanización dos núcleos Lobaces e Quintas”.

MODIFICACIÓN DAS BASES 9ª E 10ª DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL PARA 2020

Acordo:

1.- Aprobar inicialmente a modificación das bases 9ª e 10ª do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2020, que pasarían a ter a seguinte redacción:

9ª) Réxime especial para os concellos a causa da pandemia de COVID-19.

Os concellos da provincia, coa excepción daqueles que á data da aprobación desta modificación teñan adxudicados –por si ou mediante o servizo de contratación da Deputación- contratos para a execución ou a dirección facultativa dos investimentos incluídos no plan provincial, poderán optar entre adherirse ao réxime xeral contemplado nas bases anteriores ou solicitar da Deputación o ingreso nas arcas municipais en todo o parte do importe da achega provincial ás obras municipais (ata 51.000,00 €) con destino á amortización de operacións de crédito concertadas en exercicios anteriores ou ao financiamento de gasto corrente do concello correspondente á prestación de servizos mínimos obrigatorios, con exclusión dos gastos de retribucións, axudas de custo e asistencias de cargos representativos ou de designación política e dos gastos de servizos que se atopen total ou parcialmente financiados con achegas da Deputación Provincial diferentes ás previstas na presente base. A xustificación da utilización dos fondos percibidos ao abeiro do disposto nesta cláusula, achegarase antes de que remate o día 2 de decembro de 2020 mediante conta xustificativa asinada polo alcalde e o interventor de fondos do concello, con suxeición ao disposto na lexislación vixente en materia de subvencións.

10ª) Réxime especial para a entidade local menor de Berán a causa da pandemia de COVID-19.

A entidade local menor de Berán, nos mesmos termos fixados nas bases anteriores para os concellos, poderá beneficiarse dunha achega provincial por importe de 24.000,00 € con destino a investimentos en servizos da súa competencia ou, de se-lo caso, á amortización de operacións de crédito concertadas en exercicios anteriores ou ao financiamento de gasto corrente da entidade. Da dita cantidade poderá destinarse ata un máximo de 2.000,00 € para a contratación dos servizos complementarios precisos para a execución dos investimentos proxectados.

ACEPTACIÓN DA DELEGACIÓN DE COMPETENCIA FORMULADA POLO CONCELLO DE MUÍÑOS PARA A TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE EXPROPIATORIO PARA A EXECUCIÓN DA OBRA “AMPLIACIÓN DE ACCESOS A REQUIAS E GUNTUMIL”

Acordo:

1º.- Aceptar a delegación de competencia formulada polo Concello de Muíños para a tramitación do expediente expropiatorio para a execución da obra “ampliación de accesos a Requias e Guntumil”.

2º.- Requirirlle ao Concello de Muíños para que presente o proxecto de expropiación necesario para a tramitación do expediente expropatorio, de conformidade co previsto no citado art. 118 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, así como a certificación urbanística da adecuación das obras ao PXOM do Concello de Muíños.

OUTORGAMENTO AO ESCULTOR OURENSÁN ACISCLO MANZANO DA MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

De conformidade cos artigos 1, 7, 9, 10 e 11 do Regulamento de honores e distincións da Deputación de Ourense, e consonte coa proposta formulada pola instrutora do expediente, outorgarlle a medalla de ouro da provincia ao escultor ourensán don Acisclo Rogelio Manzano Freire.

MODIFICACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE COOPERACIÓN DA DEPUTACIÓN DE OURENSE COS CONCELLOS, PARA O COFINANCIAMENTO DA REDE PROVINCIAL DE ESPAZOS CULTURAIS E A PROGRAMACIÓN COORDINADA DE ACTIVIDADES A NIVEL PROVINCIAL (REAOU) PARA O EXERCICIO 2020

Acordo:

1º. Aprobar inicialmente a modificación das Bases reguladoras do Programa de cooperación da Deputación de Ourense cos concellos, para o cofinanciamento da rede provincial de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial (REAOU) para o exercicio 2020 (BOP núm. 288 de data 17.12.2019), engadindo unha disposición transitoria primeira.

CONSTITUCIÓN DA COMISIÓN “OURENSE FUTURO”

Acordo:

- Constituír a comisión “Ourense Futuro” como receptora das demandas e achegas que poidan formularse dende calquera colectivo social da nosa provincia, tendo en conta o seguinte marco mínimo de actuación:

1º.- A comisión estará conformada por un representante de cada grupo político provincial (designando, nun prazo de cinco días dende a aprobación plenaria, un/unha titular e un/unha suplente) adoptando as súas decisións mediante o sistema de voto ponderado.

2º.- A comisión “Ourense Futuro” elaborará un calendario de comparecencias para coñecer de viva voz as proposicións dos convocados ás sesións correspondentes.

3º.- A comisión establecerá asemade canles de comunicación para que poidan achegarse tamén por escrito as contribucións dos colectivos.

4º.- As actividades da comisión desenvolverase durante este ano de 2020 e serán públicas todas as comparecencias e documentos de traballo.

5º.- Os representantes dos grupos políticos actuarán como relatores para redactar un documentos final que recolla o sentir dos comparecentes de xeito claro e directo, aprobándose no Pleno da Corporación Provincial, servindo de folla de ruta para a acción política no noso territorio.

6º.- O documento aprobado, froito dos traballos da comisión Ourense Futuro, remitiránselles aos titulares dos poderes executivo e lexislativo a nivel autónomo e estatal.

DISPOR DO 100 % DO REMANENTE DE TESOURERÍA

Acordo:

Instar ao Goberno de España a que os concellos e deputacións poidan dispor do 100 % dos remanentes de tesourería obtidos polas entidades, flexibilizando a regra de gasto para todas as entidades locais e provinciais con superávit, con independencia de que cumpran ou non os requisitos establecidos na Disposición adicional sexta da Lei orgánica de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, co fin de paliar os danos económicos provocados polo estado de alarma.

GARANTIR A AUTONOMÍA QUE A CONSTITUCIÓN E AS LEIS LLES OUTORGAN ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA A XESTIÓN DOS SEUS RECURSOS

Acordo:

- Instar ao goberno de España a:

1º.- Non utilizar os poderes excepcionais que lle confire o estado de alarma, nin outros subterfuxios legais, para apropiarse dos aforros das entidades locais (EELL) vulnerando preceptos constitucionais e leis en vigor debido a que, como indica o artigo 29 da Lei do goberno, está suxeito á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico en toda a súa actuación.

2º.- Respectar e garantir a autonomía que a Constitución Española e as leis lles outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos, para a xestión do diñeiro público que é de todos e cada un dos españois, non dun goberno en concreto.

3º.- Flexibilizar as regras para que as entidades locais poidan utilizar os seus superávits para implementar aqueles servizos e medidas que permitan actuar contra a pandemia, sempre en coordinación coas comunidades autónomas e o Estado.

4º.- Que se se expón modificar algunha das leis que afectan á autonomía, facenda ou estabilidade financeira das entidades locais, valide as ditas modificacións no Congreso dos Deputados, ante os lexítimos representantes de todos os españois, dado que a declaración do estado de alarma non interrompe o normal funcionamento dos poderes do Estado (artigo 1.4 da Lei 4/1981, do 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio).

5º.- Cumprir o acordado pola FEMP e o Goberno de España na reunión do 20 de abril de 2020, na que estivo presente o presidente do goberno e na que se acordou que non se expuxesen cambios no Congreso sen estar previamente acordado acordado coas EELL.