O Inorde, a través da marca "Ourense Enogastronomica", participa na sexta edición do "Galician Cinema & Food Festival" de Miami, para promocionar a calidade agroalimentaria da provincia neste mercado estadounidense ata o 17 de novembro.
O obxectivo de participar neste “recoñecido evento é aproveitar o escaparate que nos ofrece para chegar a un mercado como Miami e Florida, o gran potencial que ten o noso territorio en canto a este sector, achegándoos a través del a parte de a nosa identidade como destino turístico”, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
Entre os produtos ourensáns que están presentes nesta cita, cabe destacar a presenza de viños de empresas da provincia de Ourense pertencentes ás Denominacións de Orixe Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra, que se distribúen neste estado norteamericano. Precisamente, os viños ourensáns serán os protagonistas das maridaxes con potenciais distribuidores e importadores de Miami e o Estado de Florida, que é unha das mecas gastronómicas dos Estados Unidos.
Na sesión de Turoperadores, que conta co apoio de Turespaña, tamén se promocionará entre os Camiños a Vía da Prata, a ruta xacobea con maior número de quilómetros da comunidade de Galicia e que atravesa 30 concellos ourensáns.
Galician Cinema & Food Festival
"Galician Cinema & Food Festival", que nesta ocasión se celebra en Miami, presentará algúns deses produtos que fan de Galicia un referente no mundo da gastronomía. Para iso, o cociñeiro Iñaki Bretal, gañador dunha estrela Michelín, será un dos encargados de facer brillar estes produtos, ofrecendo durante tres días presentacións culinarias para que os asistentes degusten, entre as que se atopan aceites e castañas de empresas ourensás.