Este novo número articúlase arredor de diferentes temáticas que conectan tradición e actualidade, cun especial protagonismo da astronomía e a súa pegada na cultura popular. Así, o primeiro bloque abre cunha análise do eclipse total de sol previsto para o vindeiro 12 de agosto, combinando unha explicación científica co percorrido histórico dos eclipses visibles desde a provincia de Ourense nos últimos 150 anos, así como referencias a figuras destacadas da observación astronómica no territorio.
A publicación afonda tamén na etnoastronomía a través do estudo dos elementos decorativos nos hórreos, recentemente recoñecidos como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial, así como na relevancia dos reloxos de sol na arquitectura popular ourensá, abordando o seu funcionamento, tipoloxía e distribución na provincia, con máis de 400 exemplares rexistrados.
O número complétase con achegas sobre crenzas populares vinculadas á influencia da lúa nas tarefas agrícolas, así como unha nova entrega de literatura de cordel relacionada coa astroloxía e a interpretación de fenómenos naturais.
No eido etnográfico, Raigame recolle investigacións sobre sistemas tradicionais como a “veceira”, vinculada ao pastoreo comunitario, ou iniciativas de recuperación do patrimonio téxtil como o traballo arredor do liño e a produción de seda desenvolvida no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.
A revista péchase con estudos centrados na organización do territorio e na memoria colectiva, destacando traballos sobre microtoponimia no concello de Esgos e sobre elementos tradicionais de delimitación das terras, hoxe en risco de desaparición polo abandono do rural.
Con unha tirada de 750 exemplares, Raigame distribúese gratuitamente entre concellos, centros educativos, bibliotecas, museos e asociacións culturais da provincia, así como a través do Servizo de Publicacións e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense.
A través desta publicación, a institución provincial reafirma o seu compromiso coa preservación, estudo e difusión do patrimonio cultural de Ourense, contribuíndo a manter viva a identidade e a memoria colectiva do territorio.

