Comercio

Manuel Pardo defende un consumo máis responsable no nadal

O Goberno galego xa traballa na elaboración dun plan de acción galego sobre esta cuestión co obxectivo é reducir nun 50% o desperdicio na venda final aos consumidores e nun 20% as perdas na produción e subministración.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Manuel Pardo defende un consumo máis responsable no nadal
Manuel Pardo defende un consumo máis responsable no nadal | onda cero

O delegado territorial explicou que a Xunta de Galicia avoga por un consumo sostible e responsable nestas datas de Nadal para contribuír á redución do desperdicio alimentario, salientando que esta iniciativa pretende concienciar as familias galegas sobre o impacto que supón o desperdicio alimentario; promover hábitos de compra consciente e responsable e poñer en valos os mercados municipais como espazo de consumo de produtos de proximidade de primeira calidade, entre outras cuestións.

Deste xeito, -detallou Manuel Pardo- “esta campaña consiste no reparto de máis de mil culleres de madeira cun código QR a través do que se accede a unha páxina web con receitas de aproveitamento. Este QR tamén estará á disposición da cidadanía nun cartel á entrada de cada mercado”. “O obxectivo -continuou o representante do Goberno galego-é inspirar elaboracións para aproveitar as sobras do Nadal recuperando os bos hábitos da cultura galega coa actualización de pratos tradicionais como poden ser os caldos ou as empanadas”.

Para o delegado territorial reducir o desperdicio alimentario durante as festividades non é só unha cuestión de aforro, é tamén unha acción necesaria para coidar o planeta. Tirar comida non só é un gasto innecesario de diñeiro, senón que tamén implica un uso ineficiente dos recursos empregados para producir eses alimentos, como auga, enerxía e chan.

Por iso, Manuel Pardo lembrou a importancia dunha boa planificación previa, utilizando por exemplo listas cos produtos necesarios e evitando compras impulsivas, para mercar só aquelo que sexa preciso en función do menú e do número de comensais, e fixo fincapé na importancia deste tipo de accións para contribuír a consolidar a redución do desperdicio alimentario. De feito, desde o ano 2020 estes residuos se reduciron nun 19%.

Trala liña dun consumo responsable, o delegado territorial significou que o Goberno galego xa traballa na elaboración do Plan de acción galego contra o desperdicio alimentario, unha iniciativa pioneira cuxo obxectivo é reducir nun 50% o desperdicio na venda final aos consumidores e nun 20% as perdas na produción e subministración.

Entre outros aspectos, este plan incluirá o desenvolvemento dun proxecto estatístico co IGE para medir e avaliar o desperdicio alimentario en Galicia, así como a promoción de acordos con concellos e entidades sociais para promover a doazón de alimentos.