O pleno do Concello de Ourense aprobou por unanimidade na sesión extraordinaria celebrada esta mañá os convenios de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), e o Concello de Ourense para realizar actuacións nas áreas de rexeneración e renovación urbana (ARRU) da cidade.
Os convenios daranlle apoio á execución de proxectos de mellora en edificios, vivendas ou espazos públicos no Centro Histórico de Ourense (18ª fase), O Polvorín- As Camelias- A Carballeira (6ª fase), Serra San Mamede- Cruceiro Quebrado- A Inmaculada (4ª fase) e no núcleo de interese etnográfico de Seixalvo (13ª fase).
Os convenios teñen un importe total de 566.082,5 euros, dos que o Ministerio achegará 442.000 euros, a Consellería de Medio Ambiente outros 114.213 e o Concello os 9.869,50 euros restantes.
A concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, destacou que estes convenios “son moi importantes para a cidade”, dado que permiten realizar actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas, incluídas as unifamiliares, de urbanización ou reurbanización de espazos públicos ou, no seu caso, de edificación de edificios ou vivendas en substitución de edificios ou vivendas xa demolidos.
Sonia Ogando explicou que con estes convenios desenvólvense actuacións de grande repercusión na calidade de vida da veciñanza, e citou como exemplos a instalación de ascensores, a reparación de cubertas e fachadas, a mellora da accesibilidade ou a instalación de calefacción, entre outras. Sen estas axudas, dixo, “estas actuacións non serían posibles polos gastos elevados que lles suporían para os veciños”.