Ourense Cidade

A liña 6A dos autobuses urbanos cruzará o río pola Ponte do Milenio para dar mellor cobertura á cidade

A 6A converterase nunha liña autenticamente troncal, Norte-Sur, con este percorrido: Estación antiga de autobús - Estación intermodal - Parque da Ponte - Ponte do Milenio - Xulgados - Pavillón - Concepción Arenal - Parque de San Lázaro - Alameda - O Posío - Residencia - Barrocás.

Óscar Gómez

Ourense | 06.02.2023 07:53

O Concello consegue unha subvención de 500.000€ para o servizo de autobuses
O novo prego do servizo de autobuses contemplará a contratación dun 20% máis de choferes | onda cero

A liña 6A do servizo municipal de autobuses urbanos cruzará desde o día 1 de marzo o río Miño pola Ponte do Milenio, no canto da Ponte Nova, para dar mellor servizo e cobertura á cidade. Así o anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen subliña que o cambio parcial da ruta converterá a 6A nunha “liña autenticamente troncal da cidade”, e dará resposta a unha “demanda histórica” de Ourense, como a de dotar de servizo o Pavillón Municipal de Deportes dos Remedios, así como ao novo edificio de xulgados ou a zona norte do barrio do Couto, tendo en conta que desde a Igrexa de Fátima, na rúa Ervedelo, a Pardo de Cela hai menos de 400 metros.

Con esta nova ruta, será a primeira vez que un autobús municipal circule pola Ponte do Milenio, 22 anos despois da súa construción. A 6A converterase así nunha liña autenticamente troncal, que percorrerá de Norte a Sur a cidade, co seguinte percorrido: Estación antiga de autobuses - Estación intermodal - Parque da Ponte - Ponte do Milenio - Xulgados - Pavillón dos Remedios - Concepción Arenal - Parque de San Lázaro - Alameda – O Posío - Residencia – Barrocás

Pérez Jácome lembra que o Concello ten previsto acometer un cambio de liñas do servizo municipal de autobuses, que se realizará coa próxima empresa concesionaria (a través dun contrato que se licitará este mes de febreiro), e que remodelará o 90% das liñas actuais. Mentres non se acometa este cambio, o goberno municipal quere reequilibrar e mellorar as prestacións do servizo, neste caso modificando o percorrido intermedio dunha das 30 liñas actuais, a 6A, para dar máis servizo e cobertura a Ourense cidade.

O cambio de roteiro manterá o inicio, o remate e os puntos principais de paso, así como a frecuencia actual, cada 30 minutos. O goberno municipal destaca que o feito de que esta liña cambie de Ponte para cruzar o río “non ten influencia algunha, xa que pola Ponte Nova seguirán pasando 15 liñas, cunha frecuencia que roza un autobús cada 5 minutos”.