Con motivo da celebración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Delegación do Goberno recoñece o férreo compromiso fronte á violencia machista nas catro provincias galegas. Faino na que xa é a cuarta edición dos Recoñecementos Meninas, que destacan o traballo de persoas ou entidades das catro provincias.
José Miñones censurou os 37 asasinatos machistas deste ano, un deles cometido en Galicia. Segundo os datos que facilitou, hoxe son máis de 4.000 as vítimas galegas no sistema de seguimento policial e cada día hai seis novas denuncias de mulleres na comunidade.
No que vai de ano 2021 xa son preto de 6.000 as mulleres que sufriron algún tipo de agresión física ou psicolóxica na comunidade. Galicia suma 2.000 ordes de protección policial a mulleres dende o pasado mes de xaneiro.
José Miñones destacou o proxecto “profundamente feminista” do Executivo que preside Pedro Sánchez. “Un compromiso dos que hoxe estamos aquí, un compromiso do Goberno de España e un compromiso singular das persoas e entidades que recoñecemos nesta cuarta edición das Meninas”, continuou.
Subliñou a importancia de medidas tan destacadas como a devolución de competencias aos concellos e investimentos que supuxeron para Galicia un impacto de 37 millóns de euros en tres anos para políticas de igualdade e loita contra o machismo.
O delegado do Goberno animou aos concellos galegos a sumarse ao Sistema VioGén, que xa con con 41 municipios. Reclamou un non frontal ao negacionismo e propón aos concellos integrarse no sistema de protección integral das vítimas.
Recoñecementos
Un dos recoñecementos foi para a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) en Galicia, como “entidade pioneira en visibilizar a realidade da violencia de xénero no rural”. “Son 67 asociacións e centos de mulleres que alzan a voz, que gritan desde cada recuncho de Galicia polos seus dereitos e que hoxe recoñecemos por manter vivo ese berro”, subliñou o delegado.
Na provincia da Coruña os recoñecementos foron para a artista Guadi Galego “por ser a voz que transforma en palabras musicadas o pensamento de tantas mulleres, por ser esa voz amiga e de alento” e, a título póstumo, para a referente feminista Paloma Rodríguez, que “sempre estivo ligada á defensa dos dereitos da muller”.
Guadi Galego é unha muller comprometida coa igualdade e que utiliza o arte como transformación social e vehículo no seu compromiso contra a violencia machista. De Paloma Rodríguez destaca a súa traxectoria de anos traballando polas mulleres” así como o seu compromiso continuado co feminismo e polas actividades desenvolvidas na cidade de Ferrol no ámbito da muller.
A mención foi para o fiscal delegado de Violencia sobre a Muller da Coruña, José Fernando Martínez, “por ir máis aló na súa responsabilidade, elaborando e aplicando solucións xurídicas orientadas ao interese e dereitos das mulleres que sufriron violencia machista, e reclamando sempre os medios que consideraba necesarios”, destacou José Miñones. Martínez leva doce anos ao frente desta loita na Fiscalía da Coruña e sobresae pola súa implicación.
En Lugo, o recoñecemento recaeu no Foro Feminista de Lugo, “un espazo de encontro e rearmamento para moitas mulleres” que constitúe “todo un faladoiro desde o que construír a identidade das mulleres”. Destaca o seu labor divulgativo do feminismo e as actividades que realiza, con faladoiros que afondan no concepto de igualdade. A mención destacou o labor do policía da Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Policía Nacional de Viveiro Pablo Rodríguez, polo seu traballo de “prevención, educativo e de especial atención aos menores”.
Na provincia de Ourense sobresaíu a actividade de Xeracción Sociedade Cooperativa Galega. “Transcende xeracións e móvenos á acción desde esta cooperativa de traballo que avoga pola participación cidadá, o feminismo e a mediación”, destacou. Esta entidade presta os seus servizos baixo os principios de xustiza social, igualdade, responsabilidade colectiva, posta en valor da diversidade e axuda mutua con tres alicerces: participación cidadá, feminismo e mediación. A mención foi para o Equipo de Muller e Menor (Emume) da Garda Civil, “un equipo que está operativo 24 horas os 365 días do ano e que durante o confinamento despregou unha importante labor de prevención”.
En Pontevedra, pola súa banda, tivo unha mención especial o traballo que desenvolve a Oficina de Igualdade da Universidade de Vigo, “que leva desde 2006 dedicada a lograr a igualdade real e efectiva no ámbito universitario”, engadiu. Trátase dunha unidade pioneira creada en 2006, antes da súa inclusión na lei de 2007. Realizou, nestes anos, unha morea de actividades como a creación de puntos lilas ou a elaboración de múltiples protocolos.