Gadisa Retail mantén como prioridade o seu compromiso cun modelo de negocio sostible, que busca o equilibrio entre o progreso socioeconómico da súa contorna e a protección ambiental. Esta estratexia apóiase en catro piares fundamentais: o uso responsable dos recursos, a loxística inversa optimizada, o fomento de compras a provedores de orixe local e unha decidida aposta pola eficiencia enerxética.
Economía circular e uso responsable dos recursos
GADISA Retail integra a economía circular en toda a súa operativa baixo a premisa das 3 R: reducir, reutilizar e reciclar. Este ciclo comeza na súa plataforma loxística, onde o control intelixente do stock axuda a previr o desperdicio alimentario mediante a xestión eficaz dos pedidos. A loxística inversa favorece que as embalaxes sostibles realicen unha viaxe de ida e volta desde a sede central aos supermercados. Ao retornar á plataforma de Betanzos, un equipo composto por preto de 40 profesionais xestiona o cartón, o plástico e a madeira. Anualmente son ao redor de 10.000 toneladas de residuos (cartón, plástico e madeira), que se reintegran á cadea de valor.
Valorización de cartón e plástico
A compañía recicla e reutiliza o 100% do cartón e do papel. Ao redor de 7.100 toneladas de papel e cartón destínanse á fabricación de máis de 37 millóns de caixas reciclables, das que unha parte retorna aos Supermercados Gadis convertidas en caixas de pedidos a domicilio.
Ao reciclar o plástico da plataforma loxística de Betanzos, tamén se lle dá unha nova vida útil. Segundo os datos que manexa Saica Natur, transformáronse preto de 700 toneladas de polietileno de baixa densidade transparente en máis de 3 millóns de m2 de filme estirable, que permite outros usos. Así mesmo, cos residuos de plástico non reciclables, a empresa logrou xerar o equivalente ao consumo enerxético anual de 74 fogares.
Datos globais: máis de 8.600 toneladas de cartón e máis de 820 de plástico
A plataforma loxística de GADISA Retail en Medina del Campo, que dá servizo aos Gadis de Castela e León, tamén réxese polos criterios de sustentabilidade ambiental da sede central. Sumando as cifras de reciclaxe de ambas, a compañía valorizou e puxo en circulación de novo a máis de 8.600 toneladas de cartón e máis de 820 de plástico.

