Cooperación

A Deputación potenciará a área industrial de Pontedeva

O rexedor dixo estar “dobremente agradecido: polo xa feito e polo que está por realizar". Manuel Baltar visitou tamén a área recreativa da Ponte

Óscar Gómez

Ourense | 10.05.2022 09:20

A Deputación potenciará a área industrial de Pontedeva
A Deputación potenciará a área industrial de Pontedeva | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de comprometer o apoio ao desenvolvemento da área industrial de Pontedeva, onde a institución provincial contribuirá á construción dun edificio multiusos -con espazos para unha casa niño, un centro de día ou un ximnasio- e o impulso definitivo ao viveiro empresarial. O presidente provincial fixo este anuncio durante o encontro que mantivo na Casa do Concello co alcalde en funcións, Juan Carlos González, e o tenente alcalde, Segundo Sande, visita que continuou cun percorrido pola área recreativa da Ponte, na que tamén a Deputación contribuíu para a dotación de servizos básicos para aos usuarios.

“Estamos a comprobar o resultado da cooperación entre a Deputación e o Concello en actuacións como esta área medio ambiental de referencia para a veciñanza, ao carón do río Deva”, declarou Manuel Baltar, subliñando que se trata “dun Concello planificador e por iso atopa a axeitada resposta en todo aquilo que pide”.

O presidente da institución provincial sinalou que Pontedeva é un concello “cunha alta dinamización empresarial, de aí que nos comprometamos a cooperar co goberno local para traballar polo progreso do concello e os seus habitantes, mesmo na mellora de estradas”.

Juan Carlos González, como rexedor accidental, dixo estar “dobremente agradecido: polo xa feito e polo que está por realizar, ademais da visita persoal do presidente que lle dá un valor engadido á colaboración que atopamos na Deputación en todos estes anos”. Para González, sen esta cooperación “nono poderíamos facer tanto, fosen pequenas obras ou apostando desde o primeiro momento polo noso proxecto de fomentar o parque empresarial”, agora traducido no apoio da Deputación ao desenrolo do edificio multiusos, proxecto no que tamén colaborará a Xunta de Galicia.