A Deputación de Ourense, primeiro goberno de España en aprobar o orzamento para 2021
O pleno aprobou inicialmente as contas da institución, que ascenden a 79,7 millóns de euros, con partidas económicas que priorizan plans e políticas sociais e a cooperación cos concellos
O pleno da Deputación de Ourense na súa sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro de 2020 aprobou hoxe inicialmente o orzamento xeral da institución provincial para o exercicio 2021, incluíndo os do Inorde e as achegas para os consorcios provinciais contra incendios e Augas de Valdeorras, sendo un ano máis a primeira administración pública de España en facelo. O importe total ascende a 79,7 millóns de euros.
Entre as partidas económicas figuran: un Plan de Fomento do Emprego, que terá unha relevante importancia, cunha dotación de 1.830.000 €; así como a continuidade das axudas á natalidade, con 300.000 € e á mocidade, con 549.000 €. Tamén se mantén o incremento da achega económica para o Programa de Acción Social en Cooperación cos Concellos, por importe de 1.200.000 €, xunto coa aportación para as reparacións e melloras das vías provincias, para o que se destina un total de 1.300.000 €.
No apartado de cooperación cos concellos, os municipios da provincia recibirán 2.087.000 € en forma de transferencia de capital para os seus investimentos, e prevese manter un Plan de Gastos Correntes para aqueles concellos que acrediten insuficiencia financeira e orzamentaria, dentro do Plan de Cooperación para Obras e Servizos. Asemade, mantense a financiación dos G.E.S. na parte que deberían aportar os concellos, cun total de 900.666 € e dótase ao Consorcio provincial de Incendios con 1.419.750 €. Tamén se segue coa liña de subvencións a deportes (350.000 €), o Programa Esquiou e o Plan Tarazana de Actividades Recreativas e Culturais (200.000 €).
En canto á cooperación universitaria da Deputación de Ourense mantense a subvención nominativa á UNED en Ourense por importe de 430.995 € e á Universidade de Vigo (Campus de Ourense) por 220.000 €, mentres que para o proxecto RED.es a Deputación achega un importe total de 597.804 €.
Neste apartado económico, o pleno acordou tamén modificar as bases do Plan Provincial de Cooperación e do Plan Provincial de Mocidade, para que os concellos da provincia poidan utilizar estes recursos económicos no que entendan máis necesario e urxente para os seus territorios, xa sexa para adherirse ao réxime xeral contemplado nas bases actuais ou solicitar o ingreso nas arcas municipais para paliar os efectos do COVID-19, excluíndo gastos de retribucións, axudas de custo e asistencias de cargos representativos ou de designación política e dos gastos de servizos que se atopen total ou parcialmente financiados con achegas da Deputación diferentes ás previstas nas bases. Tamén se acordou manter as bases do Plan Provincial de Empregabilidade, e seguir traballando e cooperando entre o goberno e a oposición en prol do benestar dos veciños e veciñas da nosa provincia.
Outro dos asuntos destacados foi a aprobación por parte da corporación provincial do outorgamento do título de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao escultor Buciños, un recoñecemento do pobo de Ourense “a unha intensa e exitosa traxectoria artística, que contou permanentemente co recoñecemento da crítica e da sociedade en xeral, tanto polo ámbito creativo como pola súa xenerosidade con esta provincia, á que, debido ao seu labor, lle aporta gran relevancia na faceta cultural”.