Cooperación

Deputación e CEO renovan a súa colaboración no programa ExportOU

O novo convenio, inclúe nesta nova etapa unha aposta pola dixitalización e a sustentabilidade, promovendo unha transición real e práctica cara as empresas do futuro.

Óscar Gómez

Ourense | 07.10.2021 11:51

Deputación e CEO renovan a súa colaboración no programa ExportOU
Deputación e CEO renovan a súa colaboración no programa ExportOU | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, asinaron no Pazo Provincial a renovación do convenio de colaboración que, desde o ano 2017, permite desenvolver o programa ExportOU para impulsar a competitividade das empresas ourensás proxectando a súa imaxe internacional. Unha iniciativa que nesta nova etapa aposta pola integración da dixitalización e a sustentabilidade, promovendo accións orientadas a favorecer unha transición real e práctica cara as empresas do futuro, máis dixitais, sustentables e internacionais.

Manuel Baltar destacou trala sinatura do convenio que “a colaboración público-privada é esencial para afrontar momentos económicos tan difíciles como o actual”, poñendo como exemplo a alianza que a Deputación e maila Confederación Empresarial de Ourense manteñen desde hai anos. “Unha cooperación -dixo- que hoxe estamos a fortalecer coa renovación do programa ExportOU para 2022, que acelera o traballo de internacionalización do sector empresarial ourensán, onde temos moitos exemplos de bo facer no ámbito do comercio exterior”. O presidente provincial expresou o seu agradecemento á presidenta da CEO e ao seu equipo directivo “por mirar sempre cara a Deputación nesa cooperación estratéxica que supón, por parte deste goberno provincial, estar ao carón daqueles que dinamizan o territorio e xeran emprego”.

Marisol Nóvoa, que tamén agradeceu “a continuidade da colaboración desde a institución provincial implicándose nas necesidades do empresariado ourensán”, referiuse a unhas das principais novidades na renovación deste convenio, “potenciando a marca Ourense a través do mundo do viño coas denominacións de orixe Ribeiro, Monterrei e Valdeorras”. Nóvoa avanzou que no mes de novembro iniciarán contactos con empresas do Reino Unido e Irlanda para organizar misións comerciais virtuais con ambos países, co obxectivo de poñer en valor os consellos reguladores e adegas que forman parte do proxecto de realidade virtual ExportOU 360º. Tamén para novembro estase a planificar una xornada pública e conxunta con importadores, entidades colaboradoras e adegas para promocionar os viños ourensáns no exterior.

ExportOU combina numerosas accións e formatos orientados a consolidar a marca Ourense nos mercados exteriores. Así, nesta nova etapa desenvolverá un programa formativo para a capacitación de profesionais en transformación dixital e sustentable, a implantación de novas ferramentas dixitais, misións virtuais e presenciais para a promoción de produtos ourensáns, ou a xeración de redes para o intercambio de experiencias entre profesionais de distintas áreas e sectores.

Plataforma para os produtos ourensáns

Exportou tamén desenvolve outras actuacións para fomentar a vocación exportadora e promocionar os produtos ourensáns, como a plataforma dixital que leva o seu mesmo nome, que recibiu 281.317 visitas e conta con 176.676 usuarios repartidos en 162 países. Cabe destacar que o continente americano, con México á cabeza, acapara o maior número de usuarios desta plataforma, seguido de Colombia, Perú, Ecuador, Bolivia, Arxentina, Estados Unidos, Brasil e Canadá, e outros como Francia, Portugal ou Reino Unido. Neste portal para a internacionalización ten unha especial acollida a sección Marca Ourense, que inclúe un catálogo de produtos con 96 referencias e un directorio de 49 empresas en español, inglés e francés, xunto coa iniciativa de ExportOU 360º.

Outras accións amparadas neste programa son campañas de márketing dixital e un boletín periódico de noticias sobre comercio internacional que reciben case un milleiro de subscritores con información sobre axudas, mercados, actualidade, consellos, actividades e axenda de eventos do ámbito da internacionalización.