A Deputación afianza a súa colaboración con Cruz Vermella en Ourense, polo que cooperará activamente na adquisición dunha sede física na Gudiña co obxectivo de que a entidade asistencial amplíe a súa actividade nesa parte da provincia.
Este foi un dos acordos que saíron adiante trala reunión que mantivo o presidente provincial, Luis Menor, coa directiva de Cruz Vermella en Ourense, co seu responsable Felipe Ferreiro á cabeza. “ A Cruz Vermella naceu na Deputación e esa vinculación permanece inalterable no tempo, por iso continuamos colaborando activamente en materia asistencial cara a persoas en situación de vulnerabilidade, así como apoiando a expansión da actividade deste organismo polo noso territorio”, explicou Menor Pérez.
Cabe lembrar que a historia da Cruz Vermella en Ourense, está moi vencellada á da Deputación, tanto así que esta entidade social foi fundada o 21 de outubro de 1893 no salón de plenos da institución provincial e ocupou locais cedidos pola Deputación ata 1996, data do seu traslado á sede actual.